Insolidarios e insolventes

Se quere saber as prioridades dun goberno, nada mellor que ver os números dos orzamentos, máis elocuentes e sinceros que a propaganda que acompaña a presentación das contas públicas. En 2023 estamos ante uns Presupostos insolidarios e insolventes, porque o Goberno do PP aplica unha política fiscal que favorece máis aos que máis teñen e porque recollen previsións falsas xa desmentidas polos expertos.

Empecemos pola insolidariedade. Estamos ante a maior crise de prezos en corenta anos, miles de galegos e galegas teñen dificultades para pagar a factura da luz, facer a compra ou encher o depósito de gasolina e, neste contexto, o Partido Popular aproba un pelotazo fiscal polo que lle regala 34 millóns de euros ás 7.700 persoas con máis patrimonio de toda Galiza. Non estamos falando dunha cantidade menor, permitiría contratar 700 médicos en atención primaria, nun momento en que hai listas de agarda de até quince días para ir ao centro de saúde.

Son insolidarios porque a rebaixa de impostos do PP implica que se vostede ten uns ingresos anuais de 12.500 euros, o desconto é de 50 euros/ano no pago de IRPF, pero quen ingresa 60.000 euros ten unha rebaixa de 500 euros. Igualmente, quen percibe unha pensión non contributiva, as de menor contía, apenas terá unha subida de 14 euros/ano, o prezo de dous cafés aos mes.

Ter unha fiscalidade insolidaria é especialmente grave no medio dunha crise onde cada euro conta, porque se os recortes matan, os impostos salvan vidas porque financian a sanidade, por exemplo, e o resto de servizos públicos como as residencias da terceira idade, a educación, a dependencia e tantos outros. Pero os servizos públicos levan trece anos soportando recortes e máis recortes, pese a que o Goberno do PP triplicou a débeda, que ascende a 14.034 millóns de euros. De feito, o próximo ano pagaremos só en intereses 110,8 millóns de euros, un 48,8 % máis.

Baixarlle máis impostos a quen máis ten vai en contra da xustiza social e, se me permiten, en contra do sentido común se queremos construír unha sociedade decente e non ir a un modelo de sálvese quen poida.

Insolventes é a outra cara dos Orzamentos, porque o PP presenta unhas previsións sabendo que son falsas, como que o PIB medra un 1,7 % cando o mesmo día un informe do BBVA coloca Galiza ao borde da recesión vaticinando un incremento cero, o peor dato de todo o Estado. Do mesmo xeito, o Goberno prevé que o emprego medrará un 0,7 %, cando os expertos indican que terá unha evolución negativa do -0,3 %. E tamén falsean a realidade cando falan de orzamentos históricos en sanidade ou educación.

Descontado o efecto da inflación —fundamental porque, como todas sabemos, mil euros non teñen o mesmo valor hoxe que hai unha década—, atención primaria ten 321 millóns de euros menos que en 2009. O mesmo sucede co ensino, pois, descontada a inflación, en 2023 a educación pública ten 281 millóns de euros menos que hai trece anos.

Non se pode acertar nas medidas partido dunha diagnose equivocada, por iso os Orzamentos do PP fan Galiza máis débil e mostran un Goberno burocratizado, rutineiro e esgotado. Desde o BNG imos presentar unha alternativa no Parlamento para que as contas públicas axuden de verdade a superar a tormenta perfecta dunha crise que está afogando ás familias, á clase traballadora, ás persoas autónomas e ás pemes.

 

Artigo publicado en La Voz de Galicia, o 30 de outubro de 2022.