Opinión

Emprego e benestar social

O envellecemento e perda de poboación é un problema nacional vinculado ao papel ao que Galiza foi relegada impedindo o seu desenvolvemento económico e social. Mutatis mutandi, esa situación persiste nun modelo de Estado centralista que, sistematicamente, impón decisións contrarias aos intereses do país, impedindo utilizar todo o noso potencial para xerar riqueza, emprego e benestar social. Estamos ante un problema estrutural, agravado por décadas de políticas económicas e sociais equivocadas do PP, e urxe un cambio de rumbo. As causas son económicas: emigración, paro e precariedade. 70.000 mulleres, segundo o IGE, declaran que terían máis fillos con traballos máis estables e mellor pagados. Con Feixóo na Xunta, 100.000 mozos e mozas emigraron ante a falta de expectativas laborais, unha sangría que nos retrotrae ao pasado. A destrución da base produtiva pasa unha elevada factura demográfica. Ao ermo laboral súmase o déficit de servizos sociais, en particular de escolas infantís, e outros equipamentos que faciliten a conciliación, así como a falta de axudas efectivas para as familias. Ser nai é unha auténtica carreira de obstáculos, e para moitas mulleres supón enfrontarse á discriminación profesional.

O BNG propón encarar esta situación actuando, no inmediato, en tres ámbitos. Primeiro, favorecer o retorno da mocidade emigrada e do talento investigador, por iso propuxemos o Plan Retorna, dotado con cen millóns. Segundo, apoio aos sectores produtivos cunha aposta estratéxica pola I+D+i que facilite a creación de emprego de calidade. E en terceiro lugar, aposta polas políticas de igualdade, desenvolvendo unha rede de servizos públicos de atención á infancia, ampliando os permisos para o coidado das crianzas a nais e pais e evitando que a maternidade penalice o desenvolvemento profesional das mulleres. Pero tamén é importante actuar no marco institucional, superar o actual corsé da Constitución e do Estatuto, deixar atrás as estreiteces do autonomismo e acadar un novo status para Galiza que nos recoñeza como nación e nos dote de novos instrumentos cos que poder dar solucións ás demandas e aspiracións dos galegos e galegas do século XXI.

 

Artigo publicado en La Voz de Galicia (26-02-2018)

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG