Desmontando a Feijoo
Os Orzamentos presentados para o 2017 son a radiografía dun Goberno sen ambición de país e sen un plan para situar a Galiza ante os seus desafíos. Baixo o luminoso rótulo de expansivas, nun intento indisimulado de vendernos a idea de que toca ocuparse das persoas, o certo é que o único expansivo é a débeda, á que se destina un 17 % do orzamento.
As cifras son claras. Din que esa expansión non é tal, posto que as contas que vén de presentar o señor Feijoo medran menos que as que agora se pechan, e prevén un menor crecemento económico, o que implica consolidar os recortes en servizos públicos e prestacións sociais, seguir instalados na precariedade laboral, na emigración e no aumento do paro, como acaba de deixar en evidencia o dato de novembro.
¿Os Orzamentos que propón Feijoo serven para saír da crise e xerar emprego? Non. ¿Facilitan o retorno da xente moza emigrada? Non. ¿Acaban cos repagamentos e cos recortes en sanidade e educación? Non. ¿Reactivan os sectores produtivos do país? Non. ¿Fan unha aposta por sacar a Galiza do vagón de cola en I+D+i como pasaporte imprescindible para o crecemento económico? Non. ¿Supoñen un revulsivo na loita contra a violencia de xénero? Non. ¿Avanzan na nosa autonomía financeira? Non. ¿Apoian a cultura e a normalización da lingua? Non. ¡E xa me gustaría poder usar outro monosílabo ben distinto!
O proxecto de Orzamentos desmonta o discurso da saída da crise e da expansión, e revela a insuficiencia do actual sistema de financiamento. Elevar o gasto nun 2,9 % é insuficiente. Galiza precisa unhas contas públicas onde as persoas sexan o primeiro e aposten polo progreso do país. As achegas do BNG irán nesa dirección con cinco grandes propostas: un plan de choque para mellora dos servizos públicos; duplicar o orzamento en I+D+i; un plan retorna para facilitar a volta da mocidade emigrada; un programa de accións para a igualdade; un plan de emerxencia social de loita contra a pobreza e a precariedade; e recursos para desenvolver e modernizar os nosos sectores produtivos.
Nese momento veremos cal é a disposición ao diálogo e ao pacto anunciada polo señor Feijoo.
Artigo publicado en La Voz de Galicia o 04/12//2016.