AP-9, e agora que?

Acto AP-9

Tras o debate no Congreso, a pregunta que seguro se fan moitos e moitas de vostedes é: e agora que, canto de cerca estamos para ter unha AP-9 galega e libre da estafa das peaxes?

O BNG entende que o período de sesións de seis meses é suficiente para a aprobación definitiva da transferencia. Ao fin, despois de 41 años, 6 meses e 29 días pagando, é hora de que empece a conta atrás para facer realidade esta xustísima demanda.

Ninguén entendería que as forzas estatais, PP-PSOE, se enreden nunha tramitación longa e penosa, con estratexias dilatorias, con escusas de mal pagador como ás que levamos décadas soportando. Ninguén o entendería, e menos os 22.000 galegos e galegas que a diario pagan unhas tarifas desorbitadas con grandes beneficios para á concesionaria a costa dos seus ingresos. Por iso, a tramitación da lei vai medir a vontade real do Goberno de Sánchez en facer a transferencia e a do Goberno de Feijoo en recibila.

O historial de ambas formacións explica porqué a AP-9 é unha das máis caras do Estado. En 1994, Felipe González ampliou a concesión dez anos, de no ser así fai oito que circulariamos libremente por esta vía. En 2000 foi José María Aznar que nos agasallou cunha ampliación de 25 anos para, a continuación, privatizala a prezo de saldo.

Como consecuencia, a AP-9 é a única autoestrada da súa xeración que ten a concesión máxima de 75 anos, até 2048, mentres que as demais son gratuítas ou o serán pronto. E as peaxes son un dislate tal que viaxar entre A Coruña e Vigo é máis caro que chegar en coche a Madrid.

O custe de construción está máis que amortizado, cunha recadación de 3.115 millóns de euros desde a súa apertura, pero Itínere recadou 153 millóns en 2019, pois as tarifas son ruinosas para as persoas usuarias, pero un maná para os fondos voitre propiedade da concesionaria.

Desde o BNG a petición é clara: transferencia para acabar cunha discriminación histórica e cun saqueo multimillonario en peaxes. E debe ser libre de cargas, unha AP-9 rescatada como se rescataron as radiais madrileñas con miles de millóns por parte del Estado. Xa é hora de ter una AP-9 galega e libre de peaxes.

E mentres, o PSOE debe cumprir o acordo co BNG que inclúe unha rebaixa substancial das tarifas. O presidente Pedro Sánchez está incumprindo ese compromiso, non co BNG, senón con Galiza, e aproveito estas páxinas para reclamarlle que non repita o agravio do PP, que cumpra o pactado e deixe de facer esperar á xente deste país.

Basta de discriminacións con Galiza e basta de xestionar a nosa principal vía en beneficio de fondos voitre. Convertamos a AP-9 no que sempre debeu ser: unha infraestrutura ao servizo dos galegos e das galegas, e non ao revés.

 

Artigo publicado en La Voz de Galicia o 7 de febreiro de 2021.