Opinión

Altri, o franquismo industrial do PP

Manifestación Altri (15-12-2024)
Manifestación Altri (15-12-2024)

En 1963 o réxime franquista impuxo na ría de Pontevedra a celulosa de Ence contaminando ese ecosistema e hipotecando o seu futuro até o día de hoxe. En 2025 o PP quere impoñer a macrocelulosa de Altri no corazón de Galiza, 62 anos despois o único que o goberno do Partido Popular ofrece é revivir o franquismo industrial de proxectos contaminantes.

Quéresenos vender como progreso e industrialización unha bomba ambiental, e aí están os datos públicos do propio proxecto: ocuparía 3,6 millons de metros cadrados de terras que formaban parte da proposta de ampliación da Rede Natura, a mesma que o PP apurou a gardar nun caixón nada máis chegar á Xunta en 2009.

Expulsará á atmosfera 8,7 toneladas diarias de gases contaminantes incluído dióxido de carbono, —un dos principais responsables do quecemento global—; utilizaría 46 millóns de litros de auga diarios, —o equivalente ao consumo de toda a provincia de Lugo con máis de 325.000 habitantes—, para despois verter 30 millóns de auga contaminada ao Río Ulla, que tamén abastece a máis de 100.000 persoas e que remataría na Ría de Arousa, a máis produtiva do País, poñendo en risco 8.000 postos de traballo directos no rural e no sector da pesca e o marisqueo.

Por se non fose dabondo, implicaría encher Galiza de eucaliptos avanzando no monocultivo dunha especie, xa moi estendida no noso País, que desertiza e arde con enorme facilidade, o que é letal para o medio ambiente e para a seguridade das persoas como traxicamente comprobamos tanto aquí como nos devastadores incendios de Portugal, que prohibiu a plantación de máis eucaliptos.

Altri é unha empresa lusa, e o presidente da Xunta aínda non foi capaz de explicar por que se o proxecto é tan bo non o queren en Portugal.

Pese a todo, o Executivo de Alfonso Rueda acaba de aprobar un informe ambiental que avala a macrocelulosa confirmando que non estamos ante unha decisión técnica senón política, de feito, meses antes de que existise ningún tipo de informe técnico sobre a mesa, o goberno do PP xa considerara o proxecto intachable desde o punto de vista ambiental.

Detrás desta macrocelulosa está Altri en asociación con Greenalia, unha empresa que ten entre o seu equipo directivo a Beatriz Mato, a exconselleira de Medio Ambiente no goberno de Feijóo, un novo exemplo do ben engraxadas que están as portas xiratorias no Partido Popular. O PP trasladou ao Parlamento e á opinión pública que se trataba dunha biofábrica téxtil, mentindo sobre a verdadeira natureza do proxecto que mantivo oculto ata pasadas as eleccións autonómicas, momento no que se fixo pública a documentación e se descubriu o engano masivo á cidadanía.

E para rematar este despropósito, o PP quere que esta bomba ambiental reciba unha axuda pública de 250 M€ con cargo a fondos europeos. Desde o BNG reclamamos ao Goberno central que se pronuncie dunha vez por todas deixando claro que non vai subvencionar con diñeiro público esta macrocelulosa. Nin a xente do rural, nin a xente do mar, nin a maioría dos galegos e galegas o entenderían.

Desde o BNG estamos ao lado desa maioría social que defende o seu futuro fronte a un Partido Popular que nada ten que ofrecerlle a Galiza salvo recuperar o franquismo industrial de macrocelulosas contaminantes.

O Partido Popular mira ao pasado, mentres os galegos e as galega e con elas o BNG miramos cara o futuro, un futuro incompatible con chemineas de 70 metros de altura expulsando toneladas de gases contaminantes, destruíndo o noso patrimonio natural, o medio de vida de miles de persoas no rural e no mar; un futuro incompatible con proxectos que atentan contra a nosa capacidade de producir alimentos de calidade, contra o territorio e o medio ambiente.

Quero dicirlles a todas as persoas que queremos Galiza, sexa cal sexa a súa ideoloxía, a súa forma de sentirse galego, galega, que esta batalla ímola gañar fronte a un PP disposto a traizoar a este País;  imos gañar esta batalla desde a dignidade e desde a mobilización; unha marea de dignidade e de mobilización que nos fará imparables porque non imos a permitir que o goberno de Rueda, o máis desleal da historia, poña os intereses de Altri por riba da vida da xente deste País.

 

Artigo poblicado en O Salto Galiza o 18 de marzo de 2025.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG