Este 25N volvemos saír ás rúas para denunciar o feminicidio, a violencia machista que mata, viola, humilla, insulta, cousifica, en definitiva, que nos impide vivir a nosa vida libremente e sen medo. Esta violencia contra as mulleres ten o seu sustento ideolóxico no patriarcado que enchoupa todo o sistema, desde o xudicial e o institucional ata o político. Un sistema que convive sen reparos co asasinato de 45 mulleres nunha década, que apenas se inmuta coa denuncia de tres violacións por semana e que se resigna ante as 6.000 denuncias anuais por violencia machista.
Un sistema que considera normal que as mulleres sexamos xulgadas por como vestimos, por como nos divertimos, por como actuamos, que acepta que volver á casa de noite sexa unha situación de risco que toda adolescente ou muller responsable debe evitar.
Un sistema asentado sobre unha sociedade patriarcal e machista que despacha cunha condena de dez meses o intento de estrangular a unha muller por considerar os feitos «maltrato ocasional», que permite que cada ano 221 galegas teñan que deixar os seus fillos e fillas con seu maltratador, que cuestiona o dereito a decidir sobre o noso corpo. Un sistema no que xera máis debate o cese dun adestrador de fútbol que o asasinato dunha muller.
Intolerable. Por iso, desde o BNG lanzamos unha campaña baixo o lema A manada é o sistema. Eu mesma no Parlamento denunciei que a manada non son cinco, que hai manadas na xustiza, nas institucións e na política, e pedía a Feijoo que demostrase que non forma parte de ningunha delas con compromiso e recursos suficientes para combater o terrorismo machista.
Non merece a pena perder tempo na manipulación interesada do PP dese debate -chega con ir á páxina oficial do Parlamento e ver o vídeo da intervención-, pero non deixa de ser significativo que cando se denuncia sen ambaxes un sistema que permite a violación dos dereitos das mulleres o dedo do PP apunte cara a quen fai a denuncia sen cuestionar o sistema, sen preguntarse como combater esas manadas que, desde a xustiza, desde as institucións, desde a política, perpetúan a violencia contra nós. O dereito a vivir libremente non se vai conseguir con lazos rosas, minutos de silencio, declaracións institucionais ou minguando os recursos. É preciso que a loita contra a violencia machista sexa unha prioridade de país, unha prioridade da xustiza, das institucións, da política. E si, polas que xa non están, polas que se atreveron a saír do inferno e polas que aínda non, por unha sociedade en igualdade, precisamos un sistema sen manadas. Así de claro.
Artigo publicado en La Voz de Galicia o 28 de novembro de 2018.