Vivín estes días unha experiencia que como persoa e como política entroume na pel para non esquecer nunca. Xunto con outros 3 eurodeputados subín a bordo dos barcos da ONG Open Arms, saímos de Malta o 27 de xuño para ir á zona de rescate e salvamento SAR fronte a costa libia. A singradura empezou con polémica despois de que o barco Lifeline tivera xa problemas para atracar en costa maltesa. Ao día seguinte celébrase o Consello Europeo sobre inmigración que non chega a un acordo europeo de como solucionar a crise humanitaria. Despois de dous días navegando alertan dun target, unha balsa á deriva con 125 persoas a bordo. Italia e Malta non permiten que o Open Arms vaia, estando a 12 millas; o desacougo da tripulación, lista para salvar vida, é total.
As decisións de Estados e a ausencia da UE deixan morrer a 3 nenos e de 125, os libios que chegan tarde rescatan a 24. Choros, consternación, carraxe. Ese día custa durmir diante da hipocrisía europea, diante da falla de humanidade. Despois de ver Calais, Idomeni e agora isto, estou moi impactada. Mentres, Malta anuncia que pecha o porto aos barcos de rescate dez ONG e o ministro de transporte de Salvini di que os barcos de Open Arms non poden atracar en portos italianos «por ser un perigo de orde pública».
Ao día seguinte soa a alarma. Son as 8. Balsa á deriva a 9 millas. Saltamos nas lanchas de rescate. Non podo evitar chorar agarrada á corda vendo a terrible imaxe. 60 persoas con cara de terror. Pensan que somos libios. Os rescatadores achéganse e cálmannos mentres van pasando para a lancha a un neno, 5 mulleres, 4 menores non acompañados e o resto homes entre 18 a 45 semella, e un home maior. Logo pinchan e rotulan a balsa, que cheira a gasóleo, chea de cravos. Levaban 15 horas no mar. Cando ven que non son libios empezan a berrar de alegría, xa no barco, a abrazarse. Fuxiron da guerra, de prisións sen luz, de ser violadas, de malleiras, de fame, de escravitude. Un di, entrar na balsa xa é o paraíso comparado coa prisión privada onde o meteran de tránsito de saída en Libia, durante cinco anos. Por ser negro e cristián.
No barco empezan a contar os terrores que pasaron, exhaustos. O barco, impedido polo fascista presidente de Italia de atracar, pide permiso ao Goberno español para atracar en Barcelona. Pasa un día de conversas diplomáticas e ao final toman decisión afirmativa. Berros de alegría na cuberta da embarcación, onde dormen, onde falan 60 vidas salvadas que puideron ser máis. Vemos como a radio avisa doutra balsa, o barco vira e vai, falso aviso despois de 30 millas, un clásico que fai o servizo de gardacostas italiano para enganar ais barcos de rescate. Nin fan, nin deixan facer.
Navegamos tres días para chegar a Barcelona. A vida chamou mentres Europa non actúa, deixando en mans dun país sen lei a vida de persoas que se ven desesperadas por atopar nova vida.
Un rescate non é a solución. Precisase unha política coordinada. Máis ao menos evitouse que morreran, podían ter vido moitas mais se se avisa a tempo, se non se puxeran trabas, se non se aplicaran políticas xenófobas. Ten máis dignidade Open Arms que os mandatarios europeos xuntos. Como dicía Óscar Camps na rolda de prensa que dimos ao chegar a Barcelona, o noso traballo é salvar vidas, non vemos se son migrantes ou non. Persoas coma nós. Por iso fun ao barco, o cargo como eurodeputada tamén debe ser posto ao servizo da inxustiza. Dende que Open Arms atracou o mércores a costa se chegada non ten ningún outro barco. A UE cala permitindo a Italia e Malta facer os seus antollos. Mentres, segue vindo e morrendo xente. Meu SOS é denuncialo, aquí e en Bruxelas. Sigamos sendo humanos.
Artigo publicado en La Voz de Galicia o 9 de xullo de 2018.