Opinión

A porta atlántica europea, excluída

Contedores
Contedores

No ano 2013 tiven a oportunidade como eurodeputada do BNG de defender a conexión de Galiza ás Redes Transeuropeas de Transporte. Entre as numerosas emendas que presentamos no Parlamento Europeo para o período de financiamento 2014-2020 destacaba a inclusión do porto de Vigo na rede nodal de portos europeos, a modernización da liña Vigo-Porto e a inclusión do noso territorio ao Corredor Atlántico de transporte de mercadorías por ferrocarril, entre outras. Unha das emendas aceptadas foi a conexión do ramal de Palencia aos portos e plataformas intermodais de Vigo e A Coruña, para que o Estado fose cofinanciado con fondos europeos. Aquilo era un mandato claro para que o Goberno español -vía Ministerio de Fomento- investise en Galiza, a nosa porta atlántica de Europa.

O que fixo o Goberno de Rajoy, no período 2014-2020 aínda vixente, foi investir noutros territorios, mais non no noso país. Nada. En decembro de 2017 e xaneiro de 2018 o Goberno debía tomar unha decisión para consolidar, por decisión política, a situación de periferia. Nin mellorou a infraestrutura nin cumpriu o compromiso de conectar Galiza mediante a renovación e a electrificación da rede ferroviaria. Unha oportunidade perdida.

Anos despois desa exclusión vemos como aínda hoxe nos espetan que o noso país fica fóra do Corredor Atlántico, até, polo menos, o ano 2023. E tivemos coñecemento deste desastre para as posibles infraestruturas a través dunhas declaracións, ben desaxeitadas, do presidente Feijoo, quen nunha recente reunión afirmou que non se podía dar «un paso atrás» despois de que o Ministerio de Fomento afirmara que non se pode modificar a proposta. Mentres, meros espectadores, ao tempo que entran outros territorios «moito menos atlánticos». Unha marxinación reiterada por decisión do presidente Rajoy, incumprindo acordos.

A revisión das Redes Transeuropeas de Transporte 2020-2026 vai empezar neste ano 2018 no Parlamento Europeo, que codecide neste tema cos Estados que forman parte da UE. Como coincide xusto no inicio do escano europeo do BNG, este tema, de novo, vai ser prioritario para nós. Galiza, no corredor Atlántico si ou si.

 

Artigo publicado en La Voz de Galicia (08-02-2018)

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG