Temos un gran potencial e precisamos proxectos industriais que poñan en valor os nosos sectores produtivos, que impulsen o emprego e que respecten o noso territorio. Lamentablemente, a macrocelulosa Altri que o Goberno do Partido Popular se empeña en instalar no corazón de Galiza, non cumpre ningún destes tres criterios: non respecta os sectores produtivos, non respecta o territorio e non escoita o clamor social.
Non potencia os nosos sectores produtivos; pola contra, destruiría as explotacións agrogandeiras que existen nas comarcas afectadas até o impacto que poida ter dende o río Ulla até o mar, na ría de Arousa, poñendo en serio perigo os miles de postos de traballo do sector agrogandeiro e do sector pesqueiro e marisqueiro.
E por suposto non respecta o noso territorio: por unha banda destruirá hábitats protexidos por Europa, a paisaxe e varias especies endémicas e tería como consecuencia a perda de biodiversidade polo impulso dunha maior eucaliptización.
E, ademais, esta industria provocará unha gran contaminación das augas do río Ulla ao verter diariamente millóns de litros a unha temperatura moi superior ao normal co impacto nos recursos mariños e na vida de moita xente dende Palas de Rei até Arousa.
Este proxecto incumpre varias directivas europeas e por iso trasladei ás institucións da UE, tanto ao Parlamento como á Comisión Europea, o impacto ambiental, social e económico que na terra, no mar e no ar que pode ter a macrocelulosa de Altri. Este proxecto é o contrario ao que se está apoiando noutros países europeos, a outros modelos industriais e de economía circular.
Por iso, a pregunta é: por que en Galiza?
Na Eurocámara os colectivos contrarios á instalación da macrocelulosa, que son moitos e diversos, están sendo boicoteados polo Partido Popular (dende o mes de setembro do 2024), aliado en sucesivas ocasións coa extrema dereita, vetando que poidan comparecer na Comisión de Peticións para explicar a súa voz, mentres reciben os eurodeputados do PP ao director xeral de Altri.
Isto nunca sucedeu até agora, porque ao longo dos anos compareceron as vítimas de Angrois, os afectados polas preferentes, os mariscadores da ría do Burgo, os opositores á mina de Corcoesto ou de Touro. Están impedindo a liberdade de expresión da sociedade civil galega para que fale en Europa. E isto é moi grave.
Todo o mundo sabe que no BNG tamén estamos para defender a voz galega en Europa, para ser a ponte deses colectivos que se opoñen a un proxecto devastador para Galiza, que xa é neste momento a causa ambiental máis importante en apoio social de toda Europa.
Os fondos europeos deben servir para outras cousas, non para destruír o territorio.
O que defendemos é un si a outro modelo industrial, á defensa do territorio e que o clamor social sexa escoitado sen boicot de ninguén, con respecto e argumentos. Tamén en Europa.
Artigo publicado en La Voz de Galicia o 4 de abril de 2025.