A saúde é un dereito, non un negocio

O bo camiño da privatización e o desmantelamento da sanidade pública galega.

 

Todos os camiños da política sanitaria do PP tiveron como fin a privatización e o desmantelamento da sanidade pública galega, a base de recortes continuos e de pór os recursos da sanidade pública ao servizo de intereses privados para poder facer negocio coa enfermidade das persoas. Durante os últimos nove anos, o PP, con Nuñez Feixóo á cabeza, impulsou todo tipo de medidas que afondaron no desmantelamento da sanidade pública:

  • Redución de orzamentos, de centos de profesionais, de máis de 700 camas, privatización masiva de servizos esenciais, derivacións de doentes a centros privados...
  • As listaxes de espera oficiais disparadas, malia estaren maquilladas e seren miles @s doentes nas listas “non estruturais” que non computan.

A Atención Primaria foi o ámbito da sanidade pública galega que con máis intensidade sufriu os recortes: destínanse 188 millóns de euros menos que os que había en 2009 cun recorte acumulado de arredor de 2.188 millóns de euros. As consecuencias son tremendas: Masificación de consultas, cupos desbordados, redución de profesionais, non substitución, listaxes de espera de máis dunha semana para @ médic@ de familia, peche de axendas, saturacións, PACs ao limite...

Estamos fart@s das mentiras do PP. Temos peor sanidade, peores prestacións, menos profesionais, máis listaxes de espera, máis copagos...

É preciso:

  • Aumento do orzamento destinado a Sanidade.
  • Dimensionamento e estabilidade dos cadros de persoal: convocatoria de todas as prazas vacantes en todas as categorías contratos estábeis e dignos /substitucións d@s profesionais pola totalidade da ausencia / aumento das prazas de formación de especialistas, MIR.
  • Eliminación listaxes de espera: contratando persoal e tendo operativos todos os recursos dos que dispón o Sergas, camas, quirófanos...e non realizar ningunha derivación de doentes á sanidade privada mentres existan recursos dispoñíbeis, susceptíbeis de seren usados nos centros públicos.
  • Plan de Mellora de Atención Primaria: incremento do investimento até chegar como mínimo ao 20% do orzamento; recuperación das Xerencias de Atención Primaria con capacidade resolutiva e orzamentaria; incremento de prazas de especialistas en pediatría e medicina familiar e comunitaria; mellora dos equipamentos nos centros de saúde e PACs; garantir equipos completos de profesionais nos PACs.
  • Reverter as privatizacións e internacionalizacións dos servizos sanitarios.
  • Eliminación dos copagos farmacéuticos.

Non lle permitamos ao PP que destrúa un ben tan prezado como é a nosa sanidade pública.

Defendámola.