A Xunta responde ao BNG que as obras do castelo de Monterrei non van ser paralizadas
Tereixa Paz denunciou a intención da Xunta de converter o castelo e a acrópole de Monterrei nun hotel xestionado por unha empresa privada
A deputada do BNG, Tereixa Paz formulou hoxe unha pregunta ao Goberno sobre as obras que está a acometer no castelo e acrópole de Monterrei.
A parlamentaria iniciou a súa intervención dando a benvida á Cámara galega @s representantes da Plataforma en defensa do Castelo de Monterrei presentes no debate dende a tribuna de convidados.
Tereixa Paz afirmou que as obras non poñen en valor o recinto e mesmo poden ocasionar graves problemas nas estruturas e mostrou a súa queixa por non acadar unha resposta concreta sobre a razón para unhas obras que a Xunta xustifica como intereses público cando en realidade consisten en privatizar o uso dun ben público para regalarllo ao Sr. Rajoy para que o privatice algún dos seus amigos do Partido popular.
A parlamentaria afirmou que os veciños defenden a legalidade na rúa contra a especulación e uso particular que o PP pretende facer dun ben que foi cedido á Xunta de Galiza como ben público, son os veciños e veciñas as/os que están a defender que se cumpra a lei de Patrimonio de Galiza, recalcou.
Debería darlle vergoña, Sr. Rueda, que sexa a cidadanía quen teña que facer o seu traballo en defensa do patrimonio mentres vostedes, igual que unha apisonadora seguen adiante cun proxecto que nin sequera conta cun Plan Director.
Neste sentido, criticou que despois de cinco anos o Goberno galego do PP non fora quen de aprobar o Plan director da Acrópole e Castelo de Monterrei.
Pola súa parte, o vicepresidente Alfonso Rueda reiterou que as obras seguen o seu curso porque o Goberno o está a facer ben e a previsión é dedicalo a un parador para uso hoteleiro que reverterá en toda a comarca, vai ser un recurso turístico para xerar riqueza, afirmou.