A Xunta non responde ao BNG sobre o futuro das obras da variante de Portosín
Ana Pontón reclamou que o investimento da Xunta, 37 millóns de euros para sete quilómetros, sexa destinado a mellorar a AC-55O, garantir os servizos públicos e xerar emprego na comarca
A deputada do BNG, Ana Pontón formulou hoxe dúas preguntas na Comisión de Ordenación do Territorio relativas ao investimento da Xunta de Galiza proxectado para a variante de Portosín, 37 millóns para sete quilómetros e reclamou destinar esta cantidade a garantir os servizos públicos e crear emprego na comarca.
Tras a intervención da directora xeral de Infraestruturas, Ethel Vázquez, a nacionalista criticou que non respondera ás cuestións formuladas, penso que estamos en universos paralelos, vostede ven ao Parlamento a falar do que quere pero non a responder as preguntas.
A deputada cualificou de moi grave, dende o punto de vista democrático, este proceder polo que reiterou as preguntas de si a Xunta considera que debe priorizar a variante de Portosín nun momento de crise económica e se ten algunha previsión de reconsiderar esta importante inversión para crear emprego na comarca que boa falta lle fai, manifestou.
Pontón deduciu da resposta da directora Xeral de Infraestruturas que a Xunta está gastando os cartos en estudos e non en obras o que, ao seu xuízo, responde a unha operación propagandística sobre unhas obras que se van facer pero das que Vázquez tampouco avanzou as datas concretas.
Teñen ou non previsto facer a variante de Portosín?, preguntou por terceira vez a nacionalista ou simplemente segue a Xunta despilfarrando cartos en estudos e propaganda?.
Unha variante de 37 millóns de euros para aforrar un minuto, nunha comarca afectada gravemente polo desemprego
Esta obra, afirmou, non se sustenta nos argumentos técnicos aportados pola Consellería que dirixe Agustín Hernández, porque o aforro supón un minuto, e o impacto medioambiental é moi forte. Unha gran parte de sectores sociais, engadiu, reclaman que se retire o proxecto pero vostedes seguen sen escoitar a cidadanía.
A deputada reprochou a responsábel do Goberno limitarse a ler en comisión a documentación sobre a adxudicación das obras e non ter concretado as verdadeiras intencións da Xunta sobre o futuro da variante de Portosín.
Pontón concluíu a súa intervención denunciando a existencia de obras iniciadas pola Xunta e na actualidade paralizadas por falta de recursos, vai pasar o mesmo coa variante de Portosín?