A Xunta comprométese a non pechar ningún Centro de Atención e Información da SS

A deputada do BNG, Tereixa Paz formulou unha pregunta sobre a posíbel eliminación de 12 oficinas en Galiza segundo as previsións do Ministerio de Emprego e Seguridade Social

A parlamentaria do BNG, Tereixa Paz formulou hoxe unha pregunta na comisión de Administración celebrada no Parlamento galego relativa ás previsión do Goberno do Estado de eliminar gran parte das oficinas de Atención e Información da Seguridade Social en Galiza.

En resposta ao BNG, a Secretaria Xeral da Consellería de Traballo, comprometeuse a non cerrar ningunha oficina e no caso de manter a súa intención o Ministerio, asegurou que a Xunta “manterá unha posición firme en contra desta medida”.

A nacionalista congratulouse do compromiso da representante do Goberno galego e asegurou que a planificación sobre o posible cerre das oficinas CAISS suscita unha grande preocupación por afectar, en grande medida, á poboación que precisa destes servizos por establecer “unha maior distancia entre a cidadanía e a administración” ademais de obrigar aos usuarios/as a “desprazamentos e pagos nas xestorías”.

Por outro lado, a deputada do BNG desmentiu as vantaxes desta medida que “simula un falso aforro” e a costa da eliminación de emprego público que leva aparellado o empeoramento dos servizos públicos.

Neste sentido, manifestou que resultaría un “despropósito” poñer máis atrancos para realizar trámites ante a Seguridade Social nas diferentes comarcas galegas e recalcou que dende BNG “agardamos que a Xunta cumpra a súa palabra e o compromiso formulado hoxe no Parlamento galego de que non pechará ningunha destas oficinas en Galiza”.