XI Asamblea da ALE, por unha Europa soberana e dos pobos
O dereito á autodeterminación e á soberanía nacional, a diversidade lingüística e cultural, a xustiza social, a rexeneración democrática e a defensa dos dereitos humanos, figuran como sinais de identidade da ALE.
Miranda salienta "a importancia de que o nacionalismo galego forme parte da ALE, como espazo político de encontro e colaboración con outras forzas nacionalistas europeas, en particular neste contexto de crise onde resulta máis necesario ca nunca defender unha Europa social, soberana e dos Pobos.
Nesta XI asemblea, a ALE aprobou unha declaración presentada polo BNG e outras forzas nacionalistas denunciando a Lei Wert de Educación, reclamando a garantía tanto da educación en lingua galega como da aprendizaxe do propio idioma. Igualmente, quedaron aprobadas mocións de apoio aos procesos de referéndum en Escocia e Catalunya, así como unha moción de apoio ao proceso de paz en Euskal Herria.
Ademais do BNG, que continúa formando parte da Executiva, as formacións nacionalistas presentes no Estado español que integran a ALE son ERC, Eusko Alkartasuna, Aralar, Federació Partit Socialista de Mallorca-Entesa Nacionalista, Chunta Aragonesista e Partido Andalucista. Nesta XI Asemblea tamén se deu a benvida como membros observadores ao Bloc Nacionalist Valenciá e a Nueva Canarias.
De cara ás eleccións europeas, que se van celebrar o 25 de Maio de 2014, o BNG reforza os contactos na ALE no marco desta Asemblea, cunha xuntanza informal das organizacións políticas que compoñen a Coalición Europa dos Pobos no Parlamento Europeo, coalición da que forma parte o BNG e outros partidos nacionalistas do Estado español.