Xa en Marzo, o BNG propuxo no Congreso que a Igrexa pagase o IBI
O BNG rexistrou xa o pasado 22 de marzo unha proposición non de lei no Congreso dos Deputados que demanda ao Goberno español que a Igrexa católica pague o IBI polos numeroso bens inmóbeis que posúe. Nos últimos anos, PP e PSOE -este cando era goberno- teñen votado contra iniciativas formuladas polo BNG para a Igrexa cumprir coas súas obrigas tributarias.
Con anterioridade, e xa iniciada a presente lexislatura, a Comisión Constitucional da Cámara debateu unha proposición non de lei do BNG que pedía a revisión dos Acordos coa Santa Sé, de 1979, para rematar cos privilexios económicos, tributarios e educacionais da Igrexa católica. Máis, esta iniciativa parlamentar non foi aprobada debido aos votos en contra do PP e de CIU. Na actualidade o BNG ten pendente de debate unha proposición non de lei que se centra exclusivamente na cuestión da exención do IBI á Igrexa católica. Jorquera lembra na súa proposición non de lei que Galiza é a Comunidade Autónoma con maior patrimonio eclesiástico despois de Castela-León.
Crise económica grave: todos os cidadáns cumpren coas súas obrigas tributarias pero a Igrexa non
O portavoz do BNG no Congreso subliña que na situación actual, cunha crise económica tan grave cuxas consecuencias están repercutindo en toda a poboación, que sofre recortes laborais, sociais e económicos, e que debe cumprir coas súas obrigas tributarias, resulta incomprensíbel que a Igrexa católica teña o privilexio de non tributar a Facenda polo seu enorme patrimonio, ao mesmo tempo que recibe subvencións para a conservación e mantemento dos seus fondos patrimoniais.
PP, agora, e PSOE, antes, teñen votado contra propostas do BNG para a Igrexa cumprir coas súas obrigas tributarias
Ademáis, Jorquera pide ao Goberno que no caso de concellos como o de Santiago de Compostela, e mentras non se arranxe a cuestión do IBI, negocie co Igrexa católica unha compensación aos concellos por estar exenta do pago do IBI. Unha vía podería consistir na cesión gratuita de bens inmóbeis eclesiásticos que están desocupados ou na negociación dunha cantidade económica.
Este tema foi sempre unha constante no traballo parlamentar do BNG que desde que ten presenza no Congreso levou á Cámara através de iniciativas parlamentares como proposicións non de lei que, nen en Gobernos do PSOE nen en Gobernos do PP foron aprobadas.