Visita do sector pesqueiro a Bruxelas da man do BNG: Galiza 1 - Feijoo 0

O BNG fai unha valoración moi positiva dos resultados da reunión mantida esta semana entre representantes do sector pesqueiro e marisqueiro galegos coa Comisaria Europea de Pesca, María Damanaki, grazas ás xestións do BNG.

Así o salientaron esta mañá en rolda de prensa a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, e o portavoz de Pesca do BNG no Parlamento Galego, Bieito Lobeira.

Ana Miranda salientou que “foi unha interlocución directa, clara, facendo o que tiña que facer o Goberno Galego, nun momento clave para o futuro da nosa pesca como é o da reforma da Política Común de Pesca”.

Neste sentido, puxo de manifesto que “por primeira vez tiveron unha interlocución directa ao máximo nivel coa Comisaria de Pesca para abordar as súas demandas ante a reforma da Política Común de Pesca”. “Isto -subliou- é o que non quixo facer o goberno galego e fíxoo o BNG”.

Resultados concretos da reunión coa Comisaria Europea de Pesca

Ademais, a deputada do BNG no Parlamento Europeo destacou que “ conseguimos facer un lobby lexítimo de ser a voz de Galiza como potencia pesqueira e marisqueira”.

En canto aos resultados concretos da reunión, Ana Miranda salientou que “conseguimos que a flota artesanal quede excluída da compra e venda de cotas de pesca, algo que sería negativo para os seus intereses”. Tamén se logrou que a eurocomisaria de Pesca vaia ter en conta que este sector vai recibir fondos específicos nun 75% directamente aos mariñeiros e ás unidades de pesca. “O futuro Fondo Europeo Marítimo de Pesca -explicou Ana Miranda-vai ter unha vixencia de 6 anos 2014-2020 e a comisaria de Pesca comprometeuse a mantelo con partidas específicas para a pesca artesanal”.

Outra das demandas que trasladou o sector e o BNG é que se reexamine a definición da pesca artesanal. A proposta da Comisión Europea baséase nos 12 metros de eslora, o que deixaría fóra ao 60% da flota galega. O BNG fixo a proposta do sector de 15 metros de eslora, uso de artes selectivas, mareas próximas á costa e embarcacións de tipo familiar, e mareas de até 36 horas como máximo, o que incluiría na definición europea de pesca artesanal ao 99% da flota galega.

Ana Miranda informou de que tamén o sector lle trasladou á Comisaria de Pesca a necesidade de crear unha etiqueta de trazabilidade para que o consumidor saiba onde, cando e como foi pescado. Isto daríalle unha garantía aos produtos galegos, tanto da pesca artesanal como do marisqueo.

Por outra parte, o BNG tamén lle transmitiu a María Damanaki a necesidade de diferenciar entre acuicultura industrial e acuicultura de marisqueo á hora de establecer axudas da Unión Europea. Ana Miranda defendeu que “é necesario facer esta diferenciación para evitar que a costa galega se converta nunha gran piscifactoría”.

Esta reunión foi o primeiro paso para que a Unión Europea cambie as súas medidas inxustas coa flota e o marisqueo galegos

Na mesma liña que a eurodeputada do BNG, Bieito Lobeira exprsou “o inmenso orgullo do BNG polo extraordinario papel desempeñado polos representantes do sector pesqueiro e marisqueiro galego que foron da man do BNG a exporlle as súas reivindicacións directamente á Comisaria Europea de Pesca”.

Lobeira afirmou que “isto evidenciou que Galiza non ten goberno e que é o BNG o que asume con orgullo o seu papel de instrumento de defensa do pobo galego diante dunhas decisións da UE que son inxustas”.

Deste xeito, o deputado do BNG salientou que “saímos coa convicción de que esta reunión foi un primeiro paso indispensábel para seguir concienciando á Unión Europea de que o trato que lle da a Galiza en materia de pesca a marisqueo é inxusto”.

Neste sentido, subliñou que “fomos a Bruxelas non a pedir caridade nin subsidios senón a esixir o noso dereito a poder vivir dignamente do noso traballo do mar”.

Bieito Lobeira advertiu de que “Damanaki escoitou o que nunca escoitara da man do goberno da Xunta nin do goberno Central e recoñeceu que recibía información parcial e inexacta do goberno español”.

Acordo da UE con Mauritania: en Andalucía os mariñeiros cobrarán 6 meses de axudas, en Galiza catro meses

Por outra parte, o deputado nacionalista informou de que na reunión con María Damanaki “tamén insistimos na necesidade de tombar o acordo pesqueiro da Unión Europea con Mauritania”, que deixa fóra á flota cefalopodeira galega.

A este respeito, Lobeira advertiulle ao Goberno español “que non imos tolerar que lle asigne aos mariñeiros andaluces 6 meses de axudas e aos galegos 4 meses”. Denunciou que “cala Feijoo e o goberno español pero o BNG non cala e imos apoiar as mobilizacións convocadas pola CIG para a próxima semana no Morrazo”.

Por último, tamén salientou que “no BNG e no sector pesqueiro e marisqueiro galegos comprometémonos a fornecer de documentación e argumentos á Comisaria de Pesca, que ela mesma no lo pediu, porque non a ten do Goberno Español e da Xunta, e a seguir reclamando un trato xusto para a pesca galega por parte da Unión Europea”.

 

http://youtu.be/gusGCUkMlN0