Visita denuncia do BNG ao campo de refuxiad@s de Calais, "a xungla", reflexo da incapacidade da UE
O BNG forma parte da delegación europea que este luns 15 de febreiro visitará o campo de refuxiados de Calais, a tan só tres horas de París, que alberga en condicións miserables a máis de 4.000 refuxiados procedentes de Siria, pero tamén de países como Afganistán, Irán, Irak, Libia, Etiopía, Sudán...persoas de ata máis de dez nacionalidades distintas.
Son o reflexo da crise humanitaria que ten a milleiros de persoas amoreadas en tendas de plástico ou chapa, ante unha Europa incapaz de dar unha resposta coordinada e solvente a quen fuxe de situacións desesperadas provocadas pola guerra ou pola fame.
A Alianza Libre Europea (ALE), da que forma parte o Bloque Nacionalista Galego, envía unha delegación que o vindeiro luns inspeccionará a situación dos refuxiad@s en Calais, na que participa a portavoz nacionalista en Bruxelas, Ana Miranda, ou eurodeputadas como a galesa Jill Evans, do Plaid Cymru, forza política tamén integrada na ALE. A delegación inscríbese dentro das mobilización a favor dos refuxiados como a euromarcha prevista para o 27 de febreiro.
As responsables políticas manterán encontros coas diferentes ONGs que operan no campo de Calais, como Aid Calais Refugees, e manterán encontros con refuxiados das diferentes nacionalidades, que esperan no campamento de refuxiados máis grande de Europa, graficamente coñecido como a xungla. A maioría ten como obxectivo chegar a Reino Unido.
Europa presume de ter entre os seus valores supremos a dignidade das persoas, pero deixa que miles de seres humanos estean en condicións deplorables, incapaz de reaccionar a denuncias como a desaparición de 10.000 menores refuxiados. A inacción política da UE é unha vergoña intolerable, denuncia Miranda.