Vence propón en Rianxo suprimir o orzamento para despezar barcos por apoio ao sector pesqueiro
Pedirá que a partida de 10,5 M recollida nas contas de 2015 para desguazar barcos se destine á promoción do sector
Vence pide a Feijóo que exerza as competencias exclusivas de Galiza nas súas augas interiores se prospera a prohibición do xeito na UE
Reclama medidas para garantir a caída de rendas pola mortaldade do berberecho e apoio á comercialización do mexillón galego
Vence concorda co sector en que o Goberno da Xunta está a levar a cabo unha estratexia deliberada de abandono do sector pesqueiro artesanal e do marisqueo tradicional a favor da acuicultura industrial, o que suporía restar augas de litoral para unha actividade económica da que viven máis de 4.000 embarcacións e que xera miles de empregos, para deixar sitio a multinacionais da acuicultura industrial que apenas crea posto de traballo.
O dirixente nacionalista considera que os orzamentos da Consellería de Pesca para 2015 son unha mostra desta estratexia, xa que prevé usar unha parte substancial dos fondos europeos para financiar proxectos de acuicultura industrial e inclúen unha partida de 10,5 millóns de euros para desguazar barcos.
Debería haber un compromiso orzamentario para a dinamización do sector, salienta Vence, quen avanzou en Rianxo que o BNG vai presentar emendas para que os 10,5 millóns de euros que a Xunta propón para o desguace de buques se destine á promoción da actividade pesqueira e marisqueira, porque creemos inxustificado que nestes momentos de grande crise económica o que se financie por parte da Administración sexa o despece de barcos e non a promoción da actividade económica e do emprego.
En todo caso, Vence considera que aínda que Bruxelas sacase adiante a prohibición, a Xunta non debe asumila e, nese suposto, debe optar por exercer as competencias exclusivas en augas interiores, -nas rías-, para manter o uso da arte do xeito.
40% das capturas
Igualmente, Vence abordou a cuestión da elevada mortaldade do berberecho, e instou á Consellería do Mar a tomar cartas no asunto e que investigue a fondo as causas desta situación, que está levando a inactividade a unha gran parte das 193 embarcacións de marisqueo a flote e dun colectivo de 200 mariscadoras. Hai que ter en conta, dixo, que ese bivalvo representa arredor do 40% do total das capturas, e a súa elevada mortaldade provoca perdas que deixa rendas de miseria e, ademais, exerce unha presión na captura doutros moluscos provocando o esgotamento.
Para esas 193 embarcacións de marisqueo a flote tamén considera necesario medidas para paliar a carestía do combustible que usan, -gasolina neste tipo de frota-, que debería ter as mesmas bonificacións que as doutros segmentos de pesca.
Mesa de negociación
Do mesmo xeito, o portavoz do Bloque reclamou á Xunta apoio aos produtores de mexillón galego a través da denonimación de orixe, cunha etiquetaxe que identifique a procedencia dos nosos produtos fronte á competencia desleal das importacións, explicou. Con 3.537 bateas distribuídas polas rías do país, resulta evidente que a Xunta debe comprometerse para garantir prezos mínimos, e valorar a creación dunha mesa de negociación con produtores, comercializadores e a Consellería do Mar para establecer prezos mínimos e unha renda digna para os que viven do marisqueo, concluíu.