Vence participa este xoves en Ourense nun acto da campaña Non é unha crise, é un roubo"
O portavoz nacional ofrecerá alternativas para saír da crise, co obxectivo de que a cidadanía reaccione e contribúa a darlle a volta á situación
Ourense, 5 de xuño de 2013.- O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, participará mañá xoves ás 20:30 horas no Auditorio de San Francisco nun acto enmarcado na campaña Non é unha crise, é un roubo destinado a sensibilizar a cidadanía e chamala á rebelión contra as políticas do PP e da Troika que conducen á ruína ao destruíren a economía produtiva, o emprego e os servizos públicos de Galiza.
No acto intervirán tamén diversas persoas vítimas da estafa das preferentes, da sanidade e de comités de empresa en risco de peche en Ourense, que porán voz e exemplificarán a dureza das consecuencias das políticas adoptadas nos últimos tempos pola Xunta e o Estado, que gobernan a favor da banca e contra o pobo. Estas políticas espolian o aforro galego, os impostos, os dereitos e os salarios co fin último de salvar a banca especulativa española e europea.
Ademais, o líder do BNG ofrecerá alternativas para saír da crise, co obxectivo de que a cidadanía reaccione e contribúa a darlle a volta á situación para que haxa unha recuperación posto que, para isto, se precisan outras políticas económicas diferentes ás que impoñen a Troika e o PP.
O BNG ten claro que desta crise só se sae dende a rebelión cívica, con mobilización social, toma de conciencia e cunha resposta colectiva e organizada. Por iso é preciso erguer unha resposta social ampla, plural, diversa, capaz de conectar o campo político, o sindical e o social, capaz de facer converxer organizacións, persoas e movementos para facerlle fronte ás políticas da Troika, da Banca, da Unión Europea e do PP.
Con estes actos que se desenvolven en vilas e cidades galegas ao abeiro desta campaña, o BNG está a facer un chamamento á cidadanía, a todos os movementos sociais, organizacións sindicais e políticas para que se sumen a un movemento masivo contra as políticas neoliberais da Troika, da Unión Europea, do Goberno central e da Xunta de Galiza.