Vence, en Ourense: A crise serve de coartada para reducir servizos públicos e roubar dereitos"
Ourense, 6 de xuño de 2013.- O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, participou este serán en Ourense nun acto da campaña Non é unha crise, é un roubo xunto co portavoz municipal, Xosé Somoza, unha estudante do IES Carballeira e membros da Plataforma de persoas afectadas polas preferentes e subordinadas. A crise serve de coartada, unha vez máis, para reducir os servizos públicos e roubar dereitos conquistados, afirmou.
Xavier Vence amosou a solidariedade do BNG ás vítimas desta crise, como as persoas abocadas a despedimento de T-Solar, única industria en Ourense que daba traballo a 170 mozos e mozas menores de 40 anos. Lembrou que o BNG, no Parlamento galego, reclamou a implicación da Xunta en T-Solar, porque o Goberno galego debe velar polos cartos públicos destinados a esta empresa e polo mantemento dos postos de traballo, sobre todo para atallar a emigración xuvenil.
Referiuse tamén o portavoz nacional á situación da sanidade pública en Ourense, que padece un auténtico colapso co obxectivo último de beneficiar a privatización dos servizos e a ampliación do Complexo Hospitalario Universitario (CHOU) nesas condicións. Neste sentido, o BNG sempre estivo en contra dos concertos público-privados porque van en detrimento da sanidade pública, universal e gratuíta. O BNG defendeu tamén no Parlamento galego diversas iniciativas destinadas a evitar a privatización dos servizos de seguridade, limpeza e mantemento de enerxía neste centro hospitalario, que engordan as contas das grandes empresas en base á redución dos dereitos laborais, lembrou Vence.
No acto participaron, ademais, persoas afectadas pola estafa das preferentes, que verán nos vindeiros días como se lles aplica a quita a aprobada polo PP. O BNG ten claro que a única solución posíbel é política: a devolución íntegra do seu diñeiro a todas as persoas estafadas, sinalou o portavoz nacional.
O PP, pola contra, impide esta solución e vota no Congreso a favor dunha quita que oficializa o roubo dos aforros e contradise a si mesmo no Parlamento galego nun espectáculo bochornoso e indigno. O cinismo do PP non ten límite neste tema e as persoas de Ourense afectadas pola estafa bancaria das preferentes e subordinadas non merecen esta burla, este desprezo sen contemplacións, concluíu.