Vence demanda acceso ao crédito como factor clave para os 214.000 traballador@s autónom@s de Galiza

Os datos reflicten a importancia do colectivo dos traballadores e traballadoras autónomos que en Galiza ascenden a 214.000 persoas, un 24% dos afiliados á Seguridade Social, cifras que converten aos autónomos nun sector social clave para manter a economía produtiva e o tecido social.

Pese a estas cifras, o portavoz nacional, Xavier Vence, advirte que este colectivo non só está sufrindo as consecuencias da crise senón tamén das políticas de recortes e fiscais do PP.

“A política de recortes e de subida de impostos e taxas que executa o PP a nivel estatal e na Xunta ten como consecuencia unha caída da demanda e do consumo, e iso incide directamente nos autónomos porque gran parte do seu negocio depende da capacidade de consumo das familias”, explica Vence, concluíndo que “as políticas de recorte que prolongan a recesión levan por diante aos autónomos”.

Neste sentido, o dirixente nacionalista subliñou que desde a chegada de Feijóo á Xunta, Galiza perdeu 11.000 empregos autónomos e 2013 pechouse coa desaparición de 2.000 empresas, case todas elas xestionadas por autónomos.

Vence, que mantivo un encontro cos responsables da asociación Autónomos de Galicia (AUGA), en concreto co secretario xeral, Lisardo Domínguez, e coa responsable xurídica, María Jesús González, salientou que o BNG considera clave facilitar o acceso ao crédito aos autónomos e frear as subidas de impostos do PP, nunha xuntanza na que tamén participou a portavoz parlamentar de Comercio, Motse Prado.

“Teñen enormes dificultades de acceder ao crédito e cando o logran é moi caro, e ademais non funciona o sistema de avais do IGAPE, ao que se suma subida das retencións en IRPF do 19 ao 21% que volveu a prorrogarse en 2014, os incrementos das cotizacións á seguridade social impostas unilateralmente polo Goberno, e hoxe mesmo o BNG reclama no Congreso que se free esas subidas que lastran aínda máis a capacidade deste colectivo”, explicou Vence.

O dirixente nacionalista tamén denunciou o apoio do PP ás grandes superficies, en detrimento do comercio de proximidade no que se ocupan miles de autónomos, e o apoio ás grandes compañías de prestación de servizos, que están desprazando as pequenas empresas de autónomos locais.

“O PP goberna para os grandes desde unha actitude de cinismo político porque fala de emprendemento, mentres pon trabas aos traballadores e traballadoras autónomas, como a subida de impostos ou os incrementos de servizos básicos como a luz, que afectan directamente a súa partida de gastos”, sinala.

Vence avanzou que o BNG vai continuar presentando iniciativas a favor deste colectivo tanto no Congreso, como no Parlamento e nos concellos galegos.