Vence aborda con Besteiro a situación de Galiza nun encontro que ambos cualificaron de cordial
Primeira reunión e toma de contacto entre o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, e o recen elixido secretario xeral do PSdeG-PSOE, José Ramón Gómez Besteiro, que o dirixente nacionalista cualificou de cordial e na que intercambiaron valoracións sobre a situación de Galiza.
Foi un encontro moi cordial no que intercambiamos valoracións sobre a situación do país e sobre os problemas máis importantes que afectan á cidadanía, que está padecendo as consecuencias da política de recortes do PP, moi agresivas, cun deterioro crecente do estado do benestar, e tamén de como Galiza perde peso político nun proceso recentralizador, valorou Vence.
O portavoz do Bloque salientou que ambos representan proxectos políticos moi diferentes no nacional e no social, pero que iso non impide chegar a acordos en beneficio da cidadanía do país, ante o xeito de gobernar do PP con medidas que están empobrecendo a maioría dos galegos e galegas, día a día.
É evidente que o BNG ten o un proxecto político moi diferente ao do Partido Socialista tanto na cuestión nacional como no modelo social, pero somos forzas que tratamos de entendernos para defender aquelas cuestións nas que podemos estar de acordo en beneficio do país, da cidadanía e das clases populares, explicou o portavoz nacional.
Vence volveu transmitirlle os parabéns a Besteiro pola súa elección neste primeiro encontro, no que intercambiaron a súa diagnose política sobre Galiza.
Foi unha reunión para pór en común a valoración da situación difícil pola que está atravesando o país, tamén para valorar o panorama político que temos e para coñecernos directamente e establecer unha relación de maior fluidez persoal, concluíu o dirixente do Bloque tras asegurar que non foi obxecto do encontro falar de futuras posibilidades ou modelos de goberno.
Estaba fora do horizonte de hoxe facer valoracións de escenarios de futuro a anos vista, concluíu.