Total apoio á Plataforma de Vítimas da traxedia de Angrois na súa denuncia ante o Parlamento Europeo
A portavoz do BNG no Parlamento Europeo, Ana Miranda, acompañou esta mañá á Plataforma Vítimas Alvia 04155 ás dependencias do Eurocámara en Madrid, para presentar dúas denuncias relacionadas co tráxico accidente de Angrois o 24 de xullo de 2013 por incumprir a normativa comunitaria relativa á seguranza ferroviaria, que será analizada na Comisión de Peticións do lexislativo da UE.
Miranda cooperou durante estes últimos meses cos membros da Plataforma na realización das denuncias presentadas perante o Parlamento Europeo, cuxo obxectivo fundamental, segundo as súas propias palabras é o de facer xustiza e que un sinistro destas proporcións non fique no esquecemento como se nada tivese pasado. Razón pola que se decidiu levar o tema ás institucións europeas.
Miranda lembrou que morreron 81 persoas neste grave sinistro e houbo preto de 150 feridos, moitos deles aínda loitan por superar as feridas físicas e emocionais dun accidente que aínda pervive na nosa memoria colectiva. Un accidente que non se pode reducir a unha cuestión de mala sorte ou responsabilizar unicamente ao factor humano cando está claro que houbo responsabilidades políticas relacionadas coa seguranza ferroviaria porque o dispositivo ERTMS non estaba en funcionamento.
Veto á Comisión de Investigación
A portavoz do BNG no Parlamento Europeo puxo de manifesto que desde o minuto cero o BNG estivo ao lado das vítimas da catástrofe, exixindo explicacións, e demandando a constitución dunha Comisión de Investigación tanto no Parlamento galego como no Congreso como o mellor instrumento para coñecer a verdade, detectar os erros, os fallos e as irresponsabilidades políticas e tomar nota para o futuro.
Lembrou as sucesivas ocasións nas que a deputada nacionalista, Rosana Pérez, levou esta demanda ao Congreso atopándose sempre coa negativa do PP e do PSOE. As dúas formacións políticas que tiveron responsabilidades en Fomento desde que o Alvia se puxo en marcha e que para vergoña de todos, pactaron o punto final sobre o sinistro do Alvia.
Miranda sinalou que unha catástrofe desta envergadura sería obxecto de investigación en calquera Parlamento europeo menos no estado español, o que é indicativo de que algo se está a agochar e que non queren que se saiba a verdade. Do contrario, nin PP nin PSOE deberían ter problema en que se tivese aprobado a Comisión de Investigación que tantas veces demandamos.