Tereixa Paz pide corrixir o borrador de contratos para o leite porque prexudica aos produtores
Tereixa Paz pide que Medio Rural sexa firme co Ministerio ante o Decreto de novos contratos para o leite.A deputada nacionalista denunciou as amezas dunha industria láctea de non recoller o leite a gandeir@s se os produtores non asumían as condicións impostas pola empresa
A deputada do BNG, Tereixa Paz pediu hoxe en comisión, a través dunha pregunta parlamentaria, que a consellería de Medio Rural mostrara unha postura contundente e firme ante o Ministerio para corrixir as eivas do borrador do o Decreto de contratos que prexudican gravemente aos produtores/as de leite en Galiza.
A parlamentaria denunciou que ameazas dunha industria láctea a gandeiros de non recoller o leite se non aceptaban as condicións económicas da empresa, pon de manifesto o absoluto fracaso da política de contratos no sector lácteo e a pasividade das administracións ante o dominio das industrias lácteas que converten a súa palabra en lei e ameazan aos gandeiros con deixalos a marxe se non acatan as súas condicións.
Se isto é a así agora nun contexto de produción controlada e un mercado, o estatal, deficitario en produción de leite, argumentou Paz, non quero pensar que vai pasar co poder que terán as empresas a partir do mes de abril cando desaparezan as cotas e se produza un exceso de leite no mercado.
Os gandeiros seguen padecendo abusos das industrias e Medio Rural non reacciona
Na actualidade, explicou, 2.000 produtores de leite nunca asinaron un contrato a pesar de seren obrigatorios. O 60% das empresas dedicadas a recoller o leite nas explotacións incumpriron a lei e non subscribiron contratos cos gandeiros, circunstancia, dixo, que en ningún momento foi tomada en conta polo Goberno agás cando lle interesou como aconteceu coas ameazas de sancións por sobreprodución mentres a consellería de Medio Rural permanecía impasible e os gandeiros/as padecendo os abusos das industrias.
Tereixa Paz salientou que todas estas distorsións non son corrixidas no borrador do Decreto do Ministerio e lamentou a actitude de compracencia da Xunta ante unha nova agresión aos produtores/as do sector lácteo galego.
A parlamentaria nacionalista emprazou á consellería de Medio Rural a reclamar garantías de negociación para os gandeiros fronte ás imposición e cláusulas abusivas da industria así como o establecemento de mecanismos na Administración para intervir na defensa dos produtores sobre os prezos percibidos pola recollida do leite. A administración, non pode deixar novamente todo ao albur da autorregulación do sector favorecendo ás industrias lácteas, concluíu.