Tereixa Paz pide un compromiso a Medio Rural co sector lácteo
A deputada preguntou á conselleira, Angeles Vázquez se a Xunta vai rectificar e crear a comisión de seguimento do acordo do leite de Madrid porque é un fiasco para Galiza
A parlamentaria do BNG, Tereixa Paz aproveitou hoxe a comparecencia da conselleira de Medio Rural, Angeles Vázquez para informar das liñas do seu departamento para pedirlle un compromiso real co sector lácteo galego e crear unha comisión de seguimento do acordo de Madrid que a nacionalista cualificou de fiasco para Galiza.
Tereixa Paz lembrou que a titular de Medio Rural reunirase pasado mañá coa Plataforma en defensa do Sector lácteo e reclamoulle que desmentira á directora xeral que mostrou a súa negativa a crear una comisión de seguimento dos pactos de Madrid. Hoxe dixo, ten a oportunidade de comprometerse con ese seguimento e ademais poder facer propostas dende Galiza, porque temos competencias en materia de gandería. Vostede, engadiu, non pode estar de vacacións en San Caetano mentres outros desenvolven as competencias que a Xunta ten asignadas. O acordo de Madrid, despois de dous meses, recalcou, é un fiasco para Galiza.
A deputada tamén preguntou á conselleira que pensa facer cos tres grandes problemas do sector lácteo: O modelo de explotación, a debilidade da industria e a configuración da cadea, porque en Galiza só o 7 por cento do leite que se comercializa, explicou, faise a través dalgún tipo de cooperativa fronte o 40 por cento de Francia, o 70 por cento de Alemaña ou o 97% de Irlanda.Vostede ven a contarnos hoxe unha milonga sobre corporativismo cando reduciron os orzamentos nun 78% dende o ano 2009 e volveu a preguntar que vai facer a consellería para que as explotacións teñan terra despois de cargarse o programa de mobilización de terras agrarias. Para que as nosas explotacións sexan competitivas, afirmou a nacionalista, de 220.000 ha temos que pasar a 350.000.
30.000 mulleres sen filiación á Seguridade social
A parlamentaria tamén reclamou as axudas que permitirían acceder a cotitularidade das explotacións ás mulleres que na actualidade non están afiliadas á Seguridade social e que figuran como axuda familiar, en lugar de falar do seu gran compromiso coas mulleres do medio rural.
Na quenda de réplica , a deputada lamentou que a conselleira non se comprometera co sector leiteiro galego e se limitara a argumentar que a Xunta pedirá contundencia ao Ministerio.