Tereixa Paz pide ao goberno que non se implante a "liña fría" no servizo de cociña do CHUO
A deputada do BNG, Tereixa Paz lembrou que o modelo ensaiado noutros lugares ten evidenciado o seu fracaso e multiplica a inadecuación dos menús ocasionando numerosos problemas nas pautas de doentes
A parlamentaria do BNG, Tereixa Paz explicou que o modelo da liña fría consiste na elaboración de alimentos frescos de maneira precociñada someténdoa enfriamento rápido a catro baixo cero para posteriormente servila aos doentes durante varios días previamente requentada.
A deputada aludiu a numerosas queixas formuladas contra este modelo no hospital Álvaro Cunqueiro polo que pediu que o Goberno reconsidere a súa implantación no Hospital Universitario de Ourense.
Pola súa parte, a portavoz popular, Marta Rodríguez Vispo defendeu a liña fría porque é un modelo que conta con todas as garantías sanitarias e afirmou que no Centro hospitalario de Ourense aínda non está decido implantar este modelo. A nacionalista replicou que precisamente como non está decidido é o momento de pronunciarse antes da súa posta en marcha.
Asemade, Tereixa Paz incidiu na necesidade de abrir un debate sobre a cuestión sobre todo porque no hospital de Vigo os propios profesionais rexeitaron o enfriamento dalgúns alimentos como os iogures e a froita que despois son sometidos ao proceso de quecemento para o seu consumo.
A deputada lamentou que a portavoz popular non se pronunciara contra a privatización do sistema liña fría e anunciara o voto en contra á iniciativa nacionalista cando en Navarra, o modelo está a ser revisado, non só por ter detectado diversos problemas na alimentación senón porque resulta máis económico, entre 2,5 e 3,5 M, a través do servizo público.