Ante a supresión dos formularios en papel, Davila pide a Montoro servizos gratuitos en Facenda
Davila sinala que a Axencia Tributaria decidiu que a tributación do IVE de locais comerciais, as declaracións de profesionais autónomos ou de microempresas pasen a facerse através de internete, eliminando así o formulario en papel.
Sen discutir o proceso de modernización e a progresiva implantación dos procedementos electrónicos que se está a levar a cabo, hai que dicer que a tramitación electrónica se está a aplicar de xeito universal, e non en relación á súa dimensión ou capacidade para dispór de medios electrónicos, enfatiza.
Só o 68% ten acceso a internet
Nese sentido, lembra os dados de Eurostat que indican as baixas porcentaxes de acceso a internet no estado español, que se sitúa actualmente no 68%, 12 puntos por debaixo da media europea. Polo tanto, un tercio dos fogaros non están conectados á rede.
Davila sinala que a obrigatoriedade de facer as declaracións por vía telemática complica os procedementos a moitas persoas, profesionais ou microempresas que aínda non se desenvolven adecuadamente en internet, menos para facer unha declaración tributaria.
De feito, desde o inicio deste proceso diversas federacións e asociacións de autónomos advertiron dos prexuizos desta decisión. Hai moitas microempresas de carácter familiar, no que só traballa o propio autónomo. A nova regulación obrígalles nun momento de dificuldades económicas, ben a asumir con maior custe a implantación de sistemas electrónicos, ou a recorrer a asesorías externas, explica a deputada do BNG.
Davila apela á cooperación e colaboración das Administracións Públicas, para adoptar medidas transitorias, como a manter temporalmente o formulario en papel xunto coa vía telemática, ou implantar servizos gratuitos de asistencia en todas as Delegacións e Administracións da Axencia Tributaria que permitan presentar as declaracións através das delegacións, facilitando así o proceso a profesionais autónomos, microempresas e cidadáns.