O SERGAS responde ao BNG que non sabe se cubrirá a praza de médico no Centro Casco Vello de Vigo
A deputada do BNG, Carme Adán lamentou que o titular do SERGAS non se pronunciara a favor de dotar a praza de médico de familia e descoñecer se será creada
A parlamentaria do BNG, Carme Adán preguntou hoxe ao goberno, na Comisión de sanidade sobre o prazo previsto para a cobertura da praza vacante, por xubilación, de médico de familia no Centro de Saúde Casco Vello de Vigo.
A parlamentaria, tras destacar o magnífico labor e atención do persoal do Centro de Saúde Casco Vello de Vigo lembrou que os médicos e médicas de familia desta área sanitaria teñen máis de 1.500 tarxetas sanitarias e o persoal de pediatría máis de 1.000 o que representa unha saturación que imposibilita unha atención adecuada.
Carme Adán lembrou que o pasado venres tivo lugar unha concentración nas inmediacións do Centro de Saúde Casco Vello na que a Xunta de persoal facía pública a desmoralización dos e das profesionais ante a elevada carga asistencial diaria de doentes, desprazamentos domiciliarios e urxencias.
A situación, explicou Adán, é que no Centro de Saúde Casco Vello de Vigo un médico xubilase forzosamente e esa praza, a día de hoxe, segue sen cubrirse polo que preguntou se a praza será amortizada ou será cuberta de maneira inmediata.
O SERGAS non confirma se cubrirá a praza vacante por xubilación do médico de familia
Pola súa parte, o Xerente do SERGAS, Antonio Fernández Campa afirmou que a praza non será amortizada e descoñece se vai ser creada nese centro de saúde porque o criterio do SERGAS e empregar as prazas naqueles lugares onde máis se precisan e onde se produce unha maior demanda. No caso do Centro de Saúde Casco Vello, dixo, o cupo é mais reducido e a frecuentación tamén é menor que noutros centros.
A parlamentaria replicou que a resposta do titular do SERGAS non tranquilizará ao persoal do centro ao que sumou os recortes en atención primaria na área de Vigo que situou na perda de 21 prazas de medicina de familia, 8 de pediatría, 44 en enfermería, 2 matronas, 14 fisioterapeutas, 3 odontólogos, 5 hixienistas, 4 traballadores sociais e catro auxiliares de enfermería, datos, que na súa opinión, son moi preocupantes e conducen á medicina á medicalización e non a prevención que se realiza na Atención primaria.
A deputada do BNG concluíu a súa intervención reclamando acabar coa contratación lixo do persoal de atención primaria, reabrir o centro de Beiramar e elaborar un plan de equipamento adecuado dos Centros de Saúde