O SERGAS comprometese co BNG a mellorar o Servizo de ambulancias para doentes de hemodiálise
A deputada do BNG, Carme Adán formulou unha pregunta na comisión de Sanidade ante as reclamacións presentadas ante o SERGAS e Valedora do Pobo de persoas usuarias de ambulancias para realizar hemodiálise no hospital Álvaro Cunqueiro
A parlamentaria do BNG, Carme Adán reclamou hoxe, a través dunha pregunta parlamentaria formulada na Comisión de Sanidade, corrixir as deficiencias detectadas no servizo de ambulancias que traslada as persoas doentes ao Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo co fin de realizar sesións de hemodiálise.
A deputada relatou o percorrido dun doente da localidade da Garda e explicou que tras diversas paradas para recoller a outras persoas chega finalmente ao Hospital do Álvaro Cunqueiro, despois dun percorrido de 100qm cunha duración de dúas horas e media de ida e o mesmo tempo para a volta tres días a semana para someterse a un tratamento de hemodiálise. Outra das reclamación, neste caso dunha paciente, dixo a nacionalista, a doente debe empregar no percorrido 9 horas a semana para recibir tamén un tratamento tres días a semana. Adán pediu ao SERGAS modificar o servizo de ambulancia utilizado por doentes, a miúdo de avanzada idade ou que precisan cadeiras de rodas co fin de mellorar a súa calidade nos traslados.
A parlamentaria preguntou que melloras pensa implantar o SERGAS ante as denuncias presentadas polas deficiencias do servizo de ambulancias.
O SERGAS comprometese co BNG a mellorar o servizo de ambulancias
Pola súa parte, o xerente do SERGAS, Antonio Fernández Campa comprometeuse a revisar e mellorar o servizo de transporte sanitario e asegurou que o servizo de ambulancias para realizar os tratamentos de hemodiálise tamén será revisado nos casos denunciados co fin de mellorar a súa calidade, buscarase unha solución que se axuste a eses casos e tentaremos optimizar os tempos das rutas e os horarios dos tratamentos dos doentes, incrementando o número de rutas para dar solucións aos traslados.