Sanidade responde ao BNG que os informes da Comisión de Bioética son "internos"
Montse Prado preguntou ao Goberno pola dimisión de 9 membros da Comisión de Bioética que denunciaron falta de independencia para realizar os seu labor
A deputada do BNG, Montse Prado formulou hoxe unha pregunta na comisión de Sanidade relativa a situación anómala suscitada na Comisión Galega de Bioética tras a dimisión de 9 dos seus membros despois de que a Consellería de Sanidade impedira a publicación do informe sobre desigualdades na asistencia sanitaria.
Prado rexeitou as explicacións do Xerente do SERGAS, Antonio Fernández Campa que cualificou de normal o acontecido na Comisión. Para a deputada, non existe tal normalidade e polo contrario saltaron as alarmas cando a propia consellería é a que impide que os membros deste órgano traballen con independencia para asesorar e orientar ao Servizo Galego de Saúde emitindo informes sobre cuestións de bioética que logo non poden ser publicados.
Un dos membros dimitidos, explicou, publicou a súa opinión nun medio de comunicación e a Consellería permaneceu en silencio para despois minimizar o problema asegurando que o informe tiña carácter interno e no resultaba importante a súa publicación.
Asusta, dixo, que este sexa o proceder da consellería á hora de tratar os temas importantes e cuestionou que a persoa encargada de responder á pregunta do BNG fose o Xerente do Sergas en vez do director xeral, Félix Rubial, aínda que a razón pode ser, dixo que mantén unha opinión sesgada sobre esta cuestión como xa demostrou ante a comisión.
Pola súa parte, o xerente do Sergas afirmou que non existe a obriga de publicar os informes ao que a deputada replicou que todos os anteriores foron publicados. Os membros da comisión, engadiu, afirmaron que estaba ferida de morte non é independente, o malestar e unánime e poñen cortapisas á liberdade de discusión.
A deputada concluíu a súa intervención aseverando que a dimisión dos membros da comisión, da para pensar polo que reclamou un cambio de liña política na consellería para que prime a liberdade e independencia e que a publicidade dos documentos da comisión non se vexan suxeitos ao arbítreo da autoridade administrativa porque pode gustarlle menos ou máis pero non é dona das reflexións da comisión nin pensar que está ao seu servizo.