Rosana Pérez urxe ao Goberno a "rematar coa vergoña da Ría de O Burgo"

A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, presentou unha nova pregunta parlamentar na Cámara para preguntarlle ao Goberno cando se levará a cabo a rexeneración da Ría de O Burgo e se estará limpa para o ano 2015.

Rosana Pérez urxe ao Executivo a coordenarse coa Xunta de Galiza e emprender por fin a necesaria actuación nesta Ría que se atopa “nun estado lamentábel”. Nese sentido, lembra a visita que unha delegación de eurodeputados realizou no pasado mes de febreiro, na que comprobaron de primeira mán a grave situación de deterioro medioambiental que sofre a Ría de O Burgo.

A deputada do BNG fai mención ás palabras de alarma do presidente da delegación do Parlamento Europeo que chegou a cualificar de “escándalo” a situación da Ría.

Rosana Pérez lembra que “son moitas as ocasións nas que o BNG se dirixiu ao Goberno para levantar a voz de alarma sobre a situación desta Ría coruñesa. Son moitas as veces nas que insistimos na inclusión de partidas nos Orzamentos do Estado para rexenerar a Ría, e logramos que se contemplasen partidas nos Orzamentos noutras lexislaturas”.

Para cando?

A pesar de todo, “segue sen constarnos que se estén a realizar xestións ou axilizando trámites nen por parte de Xunta nen por parte do Estado. Levamos así máis dunha década na que só vimos xestos que non tiveron ningunha implicación práctica, e un constante traslado do problema entre ambas administracións”.

A parlamentar nacionalista advertiu que “a este paso o compromiso de que todas as Rías galegas estean limpas no 2015 vai ser outra promesa incumprida”. Asemade, pón de manifesto que “esta deputada rexistrou unha pregunta sobre este tema no pasado mes de febreiro que aínda non recibiu resposta”.

Por estas razóns dirixe ao Goberno unha batería de preguntas: “Sabe o Goberno que esta semana se vai analisar e debater no Parlamento europeo o Informe sobre a situación das Rías galegas? É consciente da grave situación na que se atopa a Ría de O Burgo? Por que razón non se executa o plan de rexeneración da Ría? Cal é o problema se existe financiamento da UE? A qué se debe a demora?”.

fecha?