Rosana Pérez solicita a comparecencia de Ana Pastor pola supresión de servizos de tren en Galiza

A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, solicitou a comparecencia da Ministra de Fomento, Ana Pastor, para que concrete e informe que liñas ferroviarias vai eliminar na Galiza, ademáis da xa coñecida Sanabria-Ourense.

A parlamentar do BNG tamén quer que a Ministra explique que tipo de transporte alternativo por estrada vai implantar para que se manteña a comunicación nas poboacións intermedias de Galiza.

Nesa liña, a deputada nacionalista rexistrou unha iniciativa parlamentar na Cámara para preguntarlle a Fomento que tipo de alternativas por estrada manexa pola eliminación de liñas ferroviarias na Galiza, en concreto a de Sanabria-Ourense.

“Trátase dunha rede de transporte privada ou pública? En caso de ser privada, Vai receber axudas públicas? De ser así, Canto custará ás arcas públicas manter unha rede de transporte por estrada que dea servizo ás poboacións intermedias da liña Ourense-Sanabria?”, son algunhas das cuestións que as deputadas do BNG dirixen a Fomento.

O tren non hai que eliminalo senón promovelo. Intención de suprimir o 19% en Galiza

No caso de Galiza, o Plan de Racionalización do Transporte Ferroviario contempla a supresión da liña Ourense –Sanabria de maneira imediata. Máis diversas informacións que aluden ao borrador que manexa Fomento, sinalan que a intención do Ministerio é a de suprimir en Galiza 84 trens semanais de media distancia, unha redución que de confirmarse suporá a unha porcentaxe do 19%.

Segundo o publicado, as liñas de Galiza afectadas serían: Ourense-Monforte, A Coruña-Lugo-Monforte, Santiago-Ourense, O Carballiño-Ourense, A Coruña-Ferrol e Ourense-Puebla de Sanabria.

Rosana Pérez deixa claro que o “BNG sempre se opuxo á eliminación de servizos ferroviarios públicos, e que o argumento de que son deficitarios tampouco nos vale porque para atraer demanda se deben mellorar os tempos de viaxe, as frecuencias, axustar os servizos ás necesidades horarias da poboación e mellorar os trens”. Nese sentido, exemplificou co caso de Ferrol-A Coruña, que levamos toda a vida pedindo melloras porque os tempos de viaxe son moi pouco competitivos para un traxecto dese tipo”.

O BNG apostaría polo impulso do tren de xeito que se lograse establecer unha rede de cercanías pero para “iso tamén é precisa a implicación da Xunta que polo que vemos ten pouco interese”.

Na pregunta parlamentar rexistrada, as deputadas do BNG queren saber canto custa manter a liña Ourense-Sanabria e como pensa o Ministerio solucionar os frecuentes desprazamentos de estudantes durante as fins de semana e que acostuman a coller o tren?”.

Davila e Rosana Pérez aluden ao Plan de “Racionalización do Transporte Ferroviario” que suprime o 25% das liñas ferroviarias e deixa sen servizo de tren a moitas poboacións intermedias como é o caso de Ourense, “zonas sen transporte público alternativo”. Subliñan que a Secretaria Xeral de Transporte afirmou que “até que non estea implantado o transporte alternativo, non se eliminará ningunha liña, mais o prazo é o 30 de xuño”.

Ao mesmo tempo, as deputadas do BNG recibiron unha resposta por escrito de Fomento que indica que “neste periodo se reforzarán as concesións de transporte por estrada estatais ou autonómicas que resulten necesarias para garantir a movilidade dos usuarios afectados”.

Precisamente, esa é a razón pola que as deputadas do BNG se dirixen a Fomento porque “a cuestión do transporte alternativo por estrada nunca ficou suficientemente explicado e aclarado por parte do Ministerio. Descoñecemos se se trata de transporte público ou privado, ou se no caso de ser transporte privado vai receber subvencións públicas. Tampouco sabemos se se trata de transporte por estrada xa implantado ou que debe ser estabelecido ad hoc”.