Rosana Pérez presenta no Congreso unha batería de propostas para reflotar Navantia
A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, presentou unha proposición para debate en Pleno na que propón unha batería de propostas para reflotar aos estaleiros públicos de Navantia e salvar os postos de traballo.
Rosana Pérez plantexa ao Goberno unha serie medidas a ter en conta para que Navantia teña viabilidade futura. A deputada do BNG afirma que calquera Plan para Navantia debe pasar por acadar carga de traballo, manter os postos de traballo e as condicións laborais.Asemade a parlamentar nacionalista demanda ao Goberno que conte coas empresas auxiliares.
As propostas do BNG van desde a necesidade de levantar o veto sobre Navantia Fene para construir buques civís, dotar a este centro do necesario personal de xestión, técnico e produtivo para poder levar a cabo proxectos na construción naval civil. Cambiar o modelo de produción consistente na realización de blocos por determinados centros, que despois teñen que soportar longos desprazamentos que encarecen os custes de produción.
Con vontade política pódense facer moitas cousas
Pide a parlamentar nacionalista que se constitúan Unidades Territoriais cunha direción única, con competencias plenas na xestión e responsabilización a fin de optimizar os resultados dos centros. Para Rosana Pérez a Unidade Central debe configurarse como un órgao de coordenación e xestión daquelas actividades nas que a existencia de economías de escala sexan determinantes: grandes compras ou o ámbito comercial.
A deputada do BNG insta ao Goberno a negociar cos Gobernos autonómicos onde existen centros de Navantia, a súa participación no capital social da empresa. Rosana Pérez insta ao Ministerio de Industria a cumprir en prazo o plan de financiamento dos seus programas de construción, e o mesmo para o caso da obra en curso por parte de Industria posto que o seu incumprimento leva ao agravamento innecesario dos gastos financeiros de Navantia.
Rosana Pérez considera vital que o Goberno central inicie un diálogo coa Xunta para negociar o traspaso das competencias exclusivas en relación aos estaleiros públicos de Navantia na Ría de Ferrol co obxectivo de poder deseñar un programa de desenvolvemento económico proprio.
Finalmente, a parlamentar nacionalista afirma que é fundamental que se consolide a situación financeira da empresa dentro duns parámetros empresariais normais superando o grave desequilibrio existente. Cualifica de nefasta a xestión empresarial que produce recorrentes reducións de capital.
Rosana Pérez critica a actitude pasiva do Goberno central, do Ministerio de Industria e da SEPI que deben dunha vez tomar as rendas do problema e traballar contra reloxio afrontando a situación con urxencia porque o Adelaide xa partiu de Ferrol. Reprocha a deputada do BNG que non se teñan adoptando medidas antes porque isto se vía vir e é moito o que está en xogo. Ferrol perdeu xa miles de postos de traballo e non podemos permitir que avance o desastre.