Rosana Pérez pregunta a Wert por que cubre prazas laborais na Universidade con "traballo social"
A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, presentou unha pregunta na Cámara dirixida ao Ministerio de Educación para saber por que razón enviou unha circular ás Universidades para cubrir prazas laborais para xestionar a tramitación das bolsas e axudas ao estudo mediante a fórmula de traballo social.
Explica a deputada do BNG que no pasado mes de xullo o Ministerio de Educación enviou ao Programa de Becas das Universidades do Estado, unha carta para reforzar o personal adicado á xestión de bolsas. Sinala o Ministerio que o traballoso proceso de xestión de bolsas, e o feito de que a actual crise económica faga prever un incremento no número de solicitudes, fará que as necesidades de personal se vexan incrementadas.
Non hai contrato e requiren un perfil profesional administrativo
Máis, denuncia Rosana Pérez, en lugar de proceder á contratación laboral temporal necesaria, o Ministerio opta por traballos en colaboración social, é dicer, require persoas desempregadas que están cobrando o paro para facer esta tarefa. E deixa claro na misiva que os traballos temporais de colaboración social non constitúen nunca relación laboral normal algunha, non existe contrato.
No caso concreto de Galiza, Rosana Pérez pón de manifesto que requeriu 7 traballadores desempregados. 5 para A Coruña e 2 para Santiago. Pídese un perfil de auxiliar administrativo.
O BNG considera que se trata dun auténtico escándalo que o Miniterio utilice a persoas desempregadas, ás que pide un perfil profesional determinado para xestionar bolsas e desenvolver un traballo. É un xeito de explotación laboral encuberto porque aproveita a persoas paradas con prestación para un labor que é un traballo profesional.
Esta é a razón pola que Rosana Pérez pide explicacións ao Ministerio de Educación e formula tamén unha serie de preguntas ao Ministerio de Emprego. A qué se debe esta maneira de actuar do Ministerio? Considera que a labor administrativa nas Universidades ou centros escolares son un labor social?. E demanda ao Executivo que convoque as prazas laborais necesarias para cubrir os traballos no ámbito da Administración pública.