Rosana Pérez pregunta a Fomento por que se obviaron as advertencias sobre a curva de Angrois
Como o BNG leva poñendo de manifesto desde hai meses, o tráxico sinistro do Alvia en Santiago o pasado 24 de xullo, ía precedido de numerosas deficiencias e insuficiencias en canto ao sistema de seguranza ferroviaria, sinala Rosana Pérez.
A deputada do BNG recalca que non se trata dunha conxetura do BNG, senón que cada vez existen máis dados e informes que así o indican. Incluso o proceso xudicial ao que tanto gosta referirse a Ministra de Fomento ou o propio Goberno para negar a máis que necesaria Comisión de Investigación no Congreso, tamén chegou á misma conclusión.
Menciona Rosana Pérez o auto do xuiz Aláez que indicou que os cambios na conexión de AVE Ourense-Santiago, cuxas características se rebaixaron en 2010 por unha cuestión de aforro económico, modificou o sistema de seguranza que supuso xogar coas vidas de moitas persoas.
Ademáis, a deputada do BNG salienta o feito de que un dos vocais da CIAF (Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios), o órgao colexiado de Fomento, recibise en 2002 un informe que alertaba da perigosidade da curva de Puertollano, que moitos comparan coa de Angrois.
Se non houbo insuficiencias, non deberían comparecer altos cargos de Adif e Renfe?
Datos e informes suficientemente reveladores, que apuntan directamente á existencia de responsabilidades políticas no sinistro de Angrois. Unhas responsabilidades que non se dirimen no proceso xudicial e que deben esclarecerse na Cámara.
Neste sentido, a deputada do BNG pregunta á Ministra de Fomento se garante a total independencia e obxectividade da CIAF. Demanda que se cambie o método de elección dos vocais da CIAF para facer nomeamentos máis obxectivos. Quer saber por que non se atenderon as advertencias que se viñeron facendo sobre a curva de Angrois e a reducción brusca da velocidade.
Por último, e á luz de todo o que se vai coñecendo, e incluso á luz do proceso xudicial, Rosana Pérez insta á Ministra a colaborar coa xustiza no caso de que o xuiz Aláez impute a altos cargos de Adif. Se non hai nada que ocultar e existe a total seguridade de que non houbo erros nen fallos, Non deberían acceder a comparecer altos cargos de Adif e Renfe e cooperar coa xustiza?.