Rosana Pérez pregunta á Ana Pastor polos novos dados sobre fallo técnico no Alvia sinistrado
Que consideracións realiza o Ministerio de Fomento sobre esta novo dado que indicaría un fallo de mantemento no tren Alvia accidentado? Comparte que esta nova liña de investigación podería levar á conclusión dun fallo técnico, de xeito que a culpabilidade non recaería unicamente sobre o maquinista, como até agora mantivo o Ministerio?, inquire a deputada do BNG.
Estréitase o cerco
Rosana Pérez dirixe unha batería de preguntas á Ministra de Fomento polas conclusión contidas nun informe independente conducido por expertos en enxeñería que revela auténticos fallos de mantemento que poden dar a volta á investigación xudicial sobre o terríbel sinistro do Alvia. Así, fálase de defectos técnicos nas rodas da cabeza motriz do tren. Indícase que unha das rodas desa cabeza motriz non tiña freos, e comprobouse que faltaba a zapata, unha deficiencia que non sería consecuencia do accidente senón que se trataría dun erro de mantemento.
Un fallo que tivo consecuencias sobre a manobra de freado aquel fatídico 24 de xullo de 2013. Polo tanto, conclúe a parlamentar do BNG, poderíamos estar ante unha combinatoria de fallo técnico xunto coa ausencia dun dispositivo de seguridade avanzado. Sendo así, romperíase a teoría do único culpábel defendida por Fomento, Adif e Renfe.
Renfe non colabora coa xustiza
Asemade, a deputada do BNG critica a actitude obstaculizadora de Renfe para coa xustiza. Alude á negativa de Renfe a entregar ao xuiz do caso unha documentación requerida desde hai oito meses. Até tal punto chega a cousa, que o xuiz tivo que dar un prazo de 15 días baixo apercebimento de desobediencia. Renfe practica unha actitude de bloqueo e de pouca colaboración coa xustiza a pesar das afirmacións da Ministra.
Por que Renfe aínda non entregou ao xuiz unha documentación requerida hai oito meses? A que se debe a falta de colaboración coa xustiza? Non era éste o compromiso da Ministra de Fomento? Vai Renfe a remitir ao xuiz canto antes dita documentación?, son algunhas das preguntas que dirixe ao Ministerio.