Rosana Pérez pide a Wert a retirada das reválidas por invadir competencias e causar exclusión social
Rosana Pérez alega que as reválidas son elementos verdadeiramente nocivos e retrógrados. A LOMCE estabelece que para obter a titulación na ESO e no Bacharelato, resulta imprescindíbel superar estas probas. Unhas probas que son unha rémora para a continuación dos estudos e que parte dunha concepción clasista e elitista da educación, que provocará exclusión e marxinación dos estudantes máis desfavorecidos.
As consecuencias letais das reválidas
Afirma que só van servir para avanzar no camiño da desigualdade e critica que coas reválidas só se van medir resultados, sen ter en conta o contexto e as circunstancias económicas, culturais e familiares, nin tampouco as carencias e as necesidades. Desde logo, puntualiza, os problemas van ser maiores para o alunado que precisa apoio ou reforzo, e que non pode asumir o pagamento de clases particulares.
Outra das consecuencias negativas das reválidas, sinala Rosana Pérez, é que botan por terra todo o traballo do profesorado. O labor de avaliación continua dos profesores deixa de ter valor ante os exames de reválida. As probas anulan por completo que no proceso educativo interfiren moitos factores.
A deputada do BNG tamén recalca o aspeito competencial. O Real Decreto de Wert invade as competencias das CC.AA en materia educativa. As probas deséñanse desde Madrid sen contar coas Administracións autonómicas nin co profesorado. Rosana Pérez tilda o Decreto do Goberno de centralista e uniformizador.
Para o BNG esta norma é totalmente inasumíbel. As cousas non se poden facer pior desde o Ministerio, que persiste nun modus operandi carente de diálogo, inquisitorial e impositivo. Un camiño en solitario que conduce directamente ao abismo do fracaso.
A parlamentar nacionalista pide ao Ministro de Educación un proceso de diálogo franco e aberto con toda a comunidade educativa, coas CC.AA e todos os axentes implicados sobre o tema das reválidas.