Rosana Pérez pide a retirada da reforma do sistema de concesión de bolsas de Wert
Rosana Pérez alude á polémica xerada a raiz polo borrador de Real Decreto do Ministerio de Educación sobre as axudas ao estudo, criticada polas CC.AA, incluidas algunhas gobernadas polo PP, e onte polos reitores da universidades na liña de que atenta contra a igualdade de oportunidades.
Cada vez máis dificuldades para garantir os estudos aos máis desfavorecidos
Precisamente, esa é unha das principais críticas que a deputada do BNG, Rosana Pérez, realiza nas súas iniciativas parlamentares. Entre as funcións do Ministerio de Educación, concretadas na súa web, figura o fomento da igualdade de oportunidades no acceso á educación e a promoción das políticas de igualdade, non discriminación e accesibilidade universal.
Porén, subliña Rosana Pérez, a reforma das bolsas que propugna o Ministro vai na dirección contraria. Critica a deputada do BNG a intención de reducir de xeito considerábel a cantidade á que teñen dereito os beneficiarios e beneficiarias. Afirma que a intención de introducir un complemento de carácter variábel que vai depender do nivel de renda, do rendemento e do orzamentos disponíbel por parte do Goberno, vai provocar unha grande incerteza entre o alunado que non saberá a contía que pode cobrar.
Esa parte variábel, converterá as bolsas en algo descoñecido. Ademáis, reprocha a Wert que poña máis dificuldades para poder acceder a unha axuda, o que supón un paso máis na dirección de recortar as axudas, e sobre todo, un golpe á igualdade de oportunidades porque as bolsas deberían servir para posibilitar que alunos e alunas de familias con piores condicións económicas poidan acceder aos estudos e garantir a súa continuidade.
Rosana Pérez insta ao Ministro a cambiar o paso, e aumentar as partidas destinadas a bolsas e axudas ao estudo, máis necesarias que nunca debido ao duro contexto de crise económica e ás dificuldades de moitas familias para custear os estudos dos seus fillos e fillas.
No concreto, a parlamentar nacionalista demanda que se elimine a pretensión de introducir un complemento con carácter variábel.