Rosana Pérez pide a Fomento que repoña o servizo do tren Hotel os sábados e as prazas suprimidas

A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, presentou unha proposición non de lei e unha iniciativa parlamentar na Cámara dirixida á Ministra de Fomento para demandarlle que restabeleza o servizo nocturno do Tren Hotel A Coruña/Vigo-Madrid e a Barcelona os sábados, e repoña as prazas suprimidas.

Rosana Pérez pide a Ana Pastor que “pare o desmantelamento do tren convencional na Galiza” e aprobe un Plan de mellora e modernización do tren convencional, especialmente dos servizos de media distanza, co obxectivo de potenciar o seu uso. Asemade, insta á Fomento a emprender un estudo para mellorar o Tren Hotel así como campañas de promoción e publicidade que oferten tarifas atractivas e económicas.

O BNG xa se dirixira en decembro á Ministra para denunciar a eliminación de 64 prazas do Tren Hotel e a eliminación de servizos nas datas de Nadal. “Máis, lonxe de correxir estes recurtes, Renfe profundizou na súa idea e procedeu á supresión do servizo do Tren Hotel a Madrid e a Barcelona os sábados. Deixa sen tren a Madrid e á Barcelona a múltiples poboacións de Galiza onde fai parada”.

“Só queren deixar o Eixo Atlántico”

Ademáis, hai que sumar as prazas suprimidas en clase turista, “precisamente as máis demandadas”. Desde outubro, explica Rosana Peréz, Renfe reduciu a oferta de prazas nestes trens, eliminando case a metadae das butacas. Tamén se reduciron camas nos últimos catro meses. O Tren Hotel a Madrid suprimiu en total 88 prazas fronte ás 152 que se ofertaban até o verán pasado, “así que estamos a falar dun recurte de case un 50%”.

A deputada do BNG acusa ao Ministerio de Fomento de “levar a cabo unha estratexia clara de desmantelamento da rede ferroviaria convencional para deixar o territorio galego unicamente co Eixo Atlántico e co AVE rebaixado a Galiza, se é que está rematado verdadeiramente para o 2018”.

Critica a parlamentar nacionalista os recurtes na media distanza en Galiza posto que desde 2013 se suprimiron 300 servizos.