Rosana Pérez pide a Fomento a paralización da nova normativa sobre pesos de dimensións nos camións

A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, presentou unha proposición non de lei e unha iniciativa parlamentar na Cámara na que insta á Ministra de Fomento a paralizar o novo regulamento sobre pesos e dimensións dos vehículos de transportes de mercadorías por estrada.

A deputada do BNG pide a Fomento que se chegue a un acordo co sector para tratar de consensuar a nova normativa e evitar os graves problemas que xeraría a súa aplicación. Nun terceiro punto da proposición non de lei, Rosana Pérez empraza ao Ministerio a promover perante as institucións europeas unha normativa europea que regule, de maneira homoxénea e coherente os pesos e dimensións dos vehículos de mercadorías por estrada.

Explica a parlamentar nacionalista que en maio de 2014 o Ministerio de Fomento remitiu ás asociacións de transportistas a súa proposta de modificación do regulamento sobre os pesos e dimensións dos vehículos de transporte de mercadorías por estrada, que “provocou unha grande polémica”.

Rosana Pérez pón de manifesto os prexuizos dunha nova normativa que pretendería a circulación de megacamións de 60 toneladas de MMA e 25,25 metros de lonxitude previa autorización da Direción Xeral de Tráfico, “preferentemente por autoestradas e autovías e coa exclusión do transporte de mercadorías perigosas. Asemade, abriría a posibilidade dun aumento da altura máxima permitida até os 4,50 metros a calquer camión ríxido de máis de 18 toneladas de MMA”.

Afectará sobre todo ás pequenas e medianas empresas do transporte

A parlamentar nacionalista subliña que o Comité Nacional de Transportes foi rotundo en relación a este tema e criticou tanto o prazo dado para avaliar os cambios como as propias modificacións. Así, sinala, o Comité indicou que a proposta carece de rigor técnico e de seguridade xurídica e o tilda de “impreciso”. Rosana Pérez advirte ao Ministerio do risco de redución da frota de transporte actual en máis dun 15% e das negativas repercusións económicas que estes cambios terán nas empresas de transporte, especialmente nas medianas e pequenas.

Sen esquecer, puntualiza, que un incremento da capacidade de carga dos camións provocaría un aumento da oferta nun sector onde a competencia é enorme. A deputada do BNG alerta de que “miles de postos de traballo estarían en xogo de se aprobar esta normativa”. Outra das consecuencias é que o aumento nas capacidades de carga, a modificación de pesos e dimensións, traería inconvintes en materia de seguridade vial.

Reprocha ao Ministerio de Fomento que outra vez queira “impór o seu criterio sen contar co sector”. Salienta que na Galiza o sector do transporte de mercadorías por estrada representa o 4% do PIB de Galiza e da ocupación directa a máis de 29.000 persoas segundo dados de 2014. Pero enfatiza que se perderon xa máis de 8.000 postos de traballo e moitas destas empresas “sobreviven totalmente descapitalizadas ou endebedadas, tendo que traballar en moitos casos por debaixo dos custes de explotación, soportando o prezo do combustíbel máis caro do estado así como as peaxes”.