Rosana Pérez pide explicacións a Fomento polo "nefasto balanzo da A-8 este verán"
Que balanzo realiza o Ministerio de Fomento da situación do tramo da A-8 entre Mondoñedo e Abadín durante o presente periodo? Considera normais os constantes cortes de tráfico en dito tramo que se veñen producindo desde o pasado mes de marzo? Cre que o peche de 13 horas á circulación desta nova autovía é a mellor solución ao coñecido problema das espesas néboas que se producen na primavera e no verán?, son algunhas das cuestións que a deputada do BNG dirixe a Fomento.
Rosana Pérez lembra os continuos peches da A-8 dos últimos meses e reprocha a Fomento que deixara pasar o tempo durante un ano sen axilizar o proceso para adoptar medidas avanzadas. A medida estrela posta en práctica por Fomento este verán consistiu no peche de 13 horas deste tramo, ironiza a parlamentar nacionalista.
Vai o Ministerio seguer a estratexia de facer anuncios antes das Elecións cando non fixo nada nun ano?
Ademáis a deputada do BNG pregunta ao Ministerio se comparte as manifestacións realizadas pola Presidenta da Deputación de Lugo quen afirmou que os cidadáns non están descontentos polo peche da A-8 porque se benefician da situación. Unha situación que todo o mundo cuestiona e incluso considera terceiromundista, é ben recibida por altos representantes do PP porque se pasa polo centro da localidade.
É dicer, debemos estar contentos por ter pagado cos nosos impostos unha autovía moderna que se pecha ao tráfico cando máis se precisa. Segundo a lóxica de Elena Candia, entón haberá que cuestionar todo tipo de infraestruturas viarias modernas e avanzadas e deixar que o tráfico se acumule en atascos en obsoletas estradas estatais ou secundarias, afirma Rosana Pérez.
Con ironía, a parlamentar nacionalista sinala que daquela sería mellor ficar nas cavernas e non avanzar. De verdade é aconsellábel que o tráfico circule polo centro das vilas e se colapse? É esta a imaxe de modernidade que se quer oferecer?, pregunta Rosana Pérez.
Finalmente, a deputada do BNG quer que o Ministerio deixe de facer propaganda e explique en concreto cando vai pór en práctica novas medidas máis eficaces. Vai seguer a estratexia de anunciar medidas na víspera da convocatoria de Elecións Xerais?.