Rosana Pérez pide a comparecencia de Wert polas masivas denegacións de bosas universitarias
A deputada do BNG quer que se aborde a cuestión da raquítica política de bolsas do Goberno no Congreso, que non só denega becas a mansalva senón que reduce as contías nun contexto no que as rendas e os ingresos das familias caeron tremendamente. Para Rosana Pérez a política deste Goberno en materia de bolsas é nefasta pero sobre todo perigosa porque está poñendo cada vez máis obstáculos para que estudantes de familias con poucos recursos económicos poidan estudar en igualdade de condicións.
A política de Wert en bolsas é perigosa
É perigoso retroceder tanto no acceso á educación universitaria pública polas súas repercusións nas xeracións futuras. Na práctica, estáse a impór un modelo clasista e darwinista no que só poderán estudar os que máis teñen, cercenando as posibilidades de mozos e mozas procedentes de familias desfavorecidas, sinala Rosana Pérez.
A deputada do BNG alude ás cifras de denegacións de bolsas universitarias por parte do Ministerio que na Galiza, e de momento, acadan a porcentaxe do 37% este curso. Desta volta van 9.859 solicitudes denegadas. E non nos valen as trampas de Wert. Non nos vale iso de que se siguen concedendo o mesmo número de becas porque aumentou exponencialmente o número de alumnos que precisan axudas para poder emprender estudos universitarios.
Polo tanto, conclúe a deputada do BNG, se o universo de demandantes aumenta tería que incrementarse de igual xeito o número de bolsas. Por non falar doutro dos recurtes do Ministerio, que é a redución das contías das becas.
Rosana Pérez insta ao Ministro de Educación a mellorar a política de bolsas, aumentando o orzamento e incrementando o número de beneficiarios.