Rosana Pérez pide a comparecencia de responsábeis da seguranza do Adif e Renfe
A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, presentou perante a Comisión de Fomento do Congreso a solicitude de seis comparecencias de cara ao inicio dos traballos da Subcomisión de Estudo e Análise do sistema ferroviario español, constituida recentemente.
Como membro desta Subcomisión, a deputada do BNG ten dereito a solicitar varias comparecencias no marco do labor a desenvolver neste novo órgao.
Así, a deputada nacionalista pediu a comparecencia de varios cargos de Adif e Renfe: do actual Director de Seguranza do Adif, Manuel Besteiro, do anterior Director de Seguranza na circulación do Adif, Andrés María Cortabitarte, e do Director de Seguranza de Renfe, Antonio Lanchares Asensio.
Do ámbito profesional, Rosana Pérez propuxo a comparecencia dun maquinista e membro do SEMAF, Manuel Bazán Corella, dun representante da CGT e á súa vez Responsábel do Sector Ferroviario Renfe Operadora de A Coruña, Alberto Díaz, e dun experto en materia ferroviaria e que durante o periodo 1986-2008 desempeñou diversas responsabilidades en Renfe, e membro do Foro do Transporte e Ferrocarril, José Enrique Villarino.
Ademáis, a parlamentar do BNG pediu copia de toda documentación ou contratos nos que figuren cambios ou modificacións do proxecto orixinario da conexión de alta velocidade Ourense-Santiago, sobre todo no relativo á seguranza deste trazado.
Rosana Pérez lembra que o obxectivo do BNG no Congreso sempre foi o de constituir unha Comisión de Investigación sobre o sinistro de Angrois, mais unha e outra vez nos atopamos coa negativa do PP que nen siquera nos permitiu levar a debate nun pleno a nosa iniciativa. En cambio, optouse polo camiño do medio, aprobando unha Subcomisión cuxa denominación se afasta totalmente de calquer referencia ao sinistro de Angrois. Os interrogantes e as dúbidas sobre a seguranza no traxecto ferroviario Ourense-Compostela perviven, e dada a andaina do proceso xudicial, incluso se agudizan. Por iso, o BNG fará o seu traballo, e utilizará esta Subcomisión para tratar de despexar as dúbidas que existen.
Por outra banda, mañá comparecerá na Comisión de Fomento ás 16 horas o Presidente de Renfe para presentar o novo modelo empresarial e falar da nova política tarifaria dos trens de alta velocidade. Unha comparecencia que contará coa intervención e as preguntas da deputada do BNG, Rosana Pérez.