Rosana Pérez pide a comparecencia de Margallo polo ataque militar de Israel ao pobo palestiniano
Rosana Pérez quer que o titular de Exteriores explique tamén cal é a posición do Goberno español perante os bombardeos indiscriminados de Israel sobre Gaza onde habitan case 2 millóns de persoas. A deputada do BNG solicita a comparecencia de Margallo para pedirlle que exixa a Israel o cese imediato dunha ofensiva adoptada con tanta rapidez, sen mediar diálogo nin intentos diplomáticos polo medio, que delata a impunidade coa que actúa o estado de Israel como fixo sempre.
Rosana Pérez lamenta que o non exista unha actuación urxente por parte de estados da UE como o español demandando a Israel a paralización imediata do ataque militar sobre a castigada poboación palestiniana de Gaza.
Sobre todo, puntualiza Rosana Pérez, cando temos que escoitar as declaracións do Ministro de Defensa israelí sinalando que a operación militar non rematará en cuestión de días, o que debería causar a alarma da comunidade internacional, unhas manifestacións que ademáis amosan ás claras que Israel tiña preparado o ataque desde hai tempo, planificado e que só buscou un pretexto para levar a cabo un bombardeo masivo sobre Gaza.
A deputada do BNG advertiu que o inmovilismo da UE, do Goberno español ou da comunidade internacional pode ter consecuencias irreparábeis como o asasinato cruel de miles de persoas de Gaza. Pediu asemade que se exixa a Israel o cumprimento das resolucións da ONU e o respecto polos dereitos humanos e a vida porque está asasinando a poboación civil, a nenos e a persoas indefensas.