Rosana Pérez pide a Ana Pastor que os trens do Eixo Atlántico circulen con ERTMS desde o inicio
A deputada do BNG alude ao plan do Adif de que os trens circulen en inicio só co sistema ASFA entre A Coruña e Vigo. Alegan desde Fomento que se deixaría o ERTMS para o ano 2016.
Adif non toma nota do sinistro de Angrois
Rosana Pérez censura este xeito de actuar do Ministerio porque parece non tomar nota do tráxico accidente do Alvia en Angrois. A seguridade debería ser unha prioridade para Fomento após do sinistro ferroviario. Unha seguridade que presupoñíamos que sería a prioridade do Ministerio e que implicaría a adopción de medidas preventivas como a mellor garantía para evitar accidentes de tan terríbeis consecuencias.
A deputada do BNG critica este xeito de actuar porque a pesar de contar cun dos accidentes ferroviarios máis tráxicos da historia do tren, Adif non toma nota do sucedido e ignora por completo que unha das cuestións en entredito foi precisamente a dos sistemas de seguranza. Lembra a parlamentar nacionalista que na conexión Santiago-Ourense non estaba en servizo o dispositivo ERTMS no momento do sinistro, aínda que estaba instalado, e os trens circulaban baixo o sistema ASFA, que resultou ser ineficaz en momentos de fallo humano.
Rosana Pérez salienta que a seguranza ferroviaria foi unha das cuestións máis controvertidas após do accidente. Moitos expertos sosteñen que de ter estado en funcionamento o ERTMS, o accidente non se tería producido ou tería sido de menor impacto. Con estes antecedentes sobre a mesa, a deputada nacionalista amosa o seu asombro porque o Ministerio insista no mesmo erro e poña a circular trens no Eixo a 200 Km co sistema ASFA.
A parlamentar do BNG insta á Ministra de Fomento a tomarse moi en serio a política preventiva e todo o referente á seguranza ferroviaria en Galiza, porque Fomento débello aos galegos e ás galegas e ás persoas que viaxan en tren polo territorio galego. Non pode voltar a suceder algo así.
Rosana Pérez salienta que Ana Pastor, nunha visita a Ferrol, anunciou que ía peder axuda á UE para poder custear este dispositivo de seguranza através dos novos fondos da UE. Razón pola que dirixe ao Ministerio de
Fomento unha batería de preguntas:
Non sería máis sensato e serio que o Eixo Atlántico dispoña de ERTMS desde o inicio? Como se explica esta decisión após de sofrir en Angrois un dos accidentes ferroviarios máis tráxicos da historia do ferrocarril? É consciente das insuficiencias do sistema ASFA? Está disposto Fomento a reflexionar sobre este tema de xeito que o Eixo Atlántico teña xa o ERTMS?