Rosana Pérez exixe a Alonso que inclúa a vacina do meninxococo B no calendario de vacinas
A deputada do BNG tralada ao Goberno o malestar de moitos pais e nais en Galiza que se ven obrigados a desprazarse até Portugal para adquirir a vacina do meninxococo B, causante da maioría das meninxites, debido á decisión do Ministerio de restrinxila a un uso hospitalario. Por riba, non liberou a súa venda nas farmacias.
Unha iniciativa á desesperada que tamén están a adoptar os proxenitores doutras CC.AA como de Estremadura, de Andalucía ou de Castela-León, de Euskadi ou de Catalunya, viaxando aos paises limítrofes para poder mercar esta vacina, sinala Rosana Pérez.
Viaxar a Portugal a mercar as vacinas non é admisíbel
Pón de manifesto que os proxenitores vénse obrigados a mercar a vacina porque non está incluida no calendario de vacinas. E lembra que é o Ministerio de Sanidade é o que ten a competencia de incluir a vacina do meninxococo B no calendario oficial. Razón pola que o Parlamento galego aprobou instar á Xunta a efectuar esta demanda ao Goberno central.
Rosana Pérez pregunta ao Ministerio por que non está incluida a vacina no calendario oficial, e a que se deben os obstáculos ante unha vacina necesaria. Non resultan excesivos xa os recurtes na sanidade pública? De verdade é normal ver a pais e nais trasladándose a outros paises para mercar unha vacina? Esta disposto o Ministerio a pór fin a esta lamentábel situación? Mentras non inclúa a vacina no calendario oficial, vai liberar a súa venda nas farmacias?.
Finalmente, a deputada do BNG recrimina ao Ministerio que estea aprofundando nas desigualdades. Aqueles proxenitores con posibilidades económicas trasládanse a paises limítrofes a mercar a vacina e os que se atopan en piores condicións económicas non poden.
Salienta que o uso exclusivamente hospitalario da vacina do meninxococo B é unha decisión unilateral da Axencia Española do Medicamento, por iso quen debe solucionar os problemas é a Axencia.