Rosana Pérez denuncia a discriminación de Wert co alunado de zonas rurais na concesión de bolsas
En concreto, a deputada do BNG alude a casos de denegación de becas a familias por parte do Ministerio debido á diferente consideracións que fai dos valores catastrais das vivendas habituais segundo se sitúen en zonas rurais ou urbanas. Así, no caso das vivendas habituais situadas nos entornos urbanos o Ministerio considera vivenda habitual a totalidade do inmóbel: construción, solo edificado ou non edificado, mentras que no ámbito rural separa os conceptos contabilizando por un lado a edificación e por outro o solo sobre o que asenta.
Argumento ao que se agarra o Ministerio para denegar bolsas a alunos procedentes do ámbito rural. Rosana Pérez denuncia que o Ministerio está a facer unha interpretación moi sui generis dalgúns valores patrimoniais, cualificándoos de xeito distinto segundo se trate de vivendas habituais ubicadas en zonas urbanas ou rurais.
É un agravio comparativo
Critica a deputada do BNG que o Ministerio de Wert denega becas a alunos procedentes de entornos rurais baseándose en argumentos que non se axustan ao estabelecido na lexislación catastral vixente. Neste sentido, salienta que tivemos coñecemento de casos de denegacións de becas por superar os umbrais de patrimonio cando en realidade os rendementos de capital mobiliario non superan as marxes estabelecidas. Trátase de familias que non poseen fincas urbanas nin rústicas a excepción do inmóbel que é vivenda habitual, nin teñen actividades económicas á marxe das recollidas nas declaracións do IRPF.
O Ministerio no caso de alunos do ámbito rural, separa o valor das vivendas edificadas do solo sobre o que foi construida e contabiliza de xeito inxusto dous inmóbeis ou patrimonios. Algo que non fai coas vivendas ubicadas en zona urbana, conculcando así o dereito á igualdade de oportunidades no acceso ás becas de estudo.
Unhas denegacións, afirma, que deron lugar á presentación de alegacións por parte de familias afectadas que o Ministerio, na súa terca obcecación, continúa sen considerar.
O Ministerio debe rectificar e conceder esas bolsas
Rosana Pérez denuncia que o Ministerio está contradecindo incluso o que se contempla no Regulamento do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas, e tanto a Direción Xeral do Catastro, como a Axencia Tributaria e a Xerencia Rexional do Catastro conclúen que o valor do inmóbel que é vivenda habitual é o conxunto do valor da construción e do solo que ocupa. Para a parlamentar do BNG é evidente o agravio comparativo entre o alunado que vive en zonas urbanas e o que vive en zonas rurais e tilda de artificio patrimonial que non ten base legal real e que só sirve de argumento ao Ministerio para denegar becas.
Rosana Pérez insta ao Ministerio de Educación a revisar os casos de denegación de bolsas aludidos e a dar marcha atrás, procedendo a concedelas en base a criterios de igualdade.