Rosana Pérez demanda ao Goberno un rol máis activo na defensa dos saharauis

A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, rexistrou unha iniciativa parlamentar na Cámara para demandarlle ao Goberno un papel máis activo na exixencia a Marrocos de que respecte os dereitos humanos e fundamentais do pobo saharaui.

Rosana Pérez tamén solicitou a comparecencia do Ministro de Asuntos Exteriores para que explique se o Estado español vai asumir un rol máis activo na necesaria resolución do conflicto do Sáhara Occidental ocupado por Marrocos, e quer saber se fixo xestións ante as autoridades marroquinas pola expulsión de cidadáns de nacionalidade española dos territorios ocupados.

Necesidade de reactivar o proceso do Sáhara ocupado

A deputada do BNG amosa a solidariedade e apoio do BNG coa causa do pobo saharaui, e lembra que precisamente hoxe hai unha manifestación estatal en Madrid para respaldar a este pobo tan castigado.

Rosana Pérez refírese na iniciativa parlamentar á recente visita do Enviado Persoal do Secretario Xeral da ONU para o Sáhara, Christopher Ross, aos campamentos de refuxiados saharauis. “Sabe o Goberno que o representante da ONU expresou a necesidade de reactivar o proceso de negociación para acadar unha solución que poña fin ao conflicto no Sáhara?”.

“Realizou o Goberno español algunha xestión ante as autoridades de Marrocos para demandarlle unha explicación pola recente expulsión de sete cidadáns de nacionalidade española do Sáhara ocupado?”, son algunhas das preguntas que dirixe a Exteriores.

A deputada do BNG quer saber cal é a posición do Executivo español en relación á expulsión de delegacións estranxeiras por parte de Marrocos. “Cal é a posición do Goberno respeito a este conflicto? Apoia o Goberno a celebración dun referendo libre, xusto e imparcial sobre o dereito de autodeterminación do pobo saharaui?”.

Rosana Pérez subliña que o Goberno español “sabe do sentimento de solidariedade e de unión da cidadanía do Estado para co pobo saharaui, cuxa causa coñece. Son numerosas as mostras de cooperación, colaboración de diversas organizacións e asociacións do ámbito social, político e de cooperación para cos saharauis”. A deputada do BNG transmite ao Goberno as demandas do Frente Polisario transmitidas ao representante da ONU.

Para a parlamentar nacionalista “o Estado español non pode ser alleo á situación pésima pola que atravesa o pobo saharaui, desprovisto de dereitos, e que padece unha brutal represión por parte de Marrocos. O Estado español, como pais colonizador, é corresponsábel do actual estado de cousas e como tal debe ter un papel máis activo e intermediar para que haxa un referendo libre e imparcial sobre o dereito de autodeterminación do pobo saharaui.