Rosana Pérez demanda ao Goberno que anule a decisión de retirar a tarxeta sanitaria a emigrantes
Rosana Pérez explica que o pasado 26 de decembro o BOE publicou a disposición adicional ao Texto Refundido da Lei Xeral de Seguridade Social, que retira a prestación sanitaria pública ás persoas desempregadas e sen prestación que emigren a paises estranxeiros e permanezan alí máis de 90 días.
Denuncia a deputada do BNG que esta medida afecta especialmente á mocidade, moitos obrigados a coller a mala debido á falla de expectativas laborais no estado español. E afecta a persoas desempregadas que non ven outra saída que a emigración.
A emigración aumenta segundo os dados do INE
A deputada do BNG pón de releive os dados do INE sobre emigración no estado español: calcúlase que ao redor de 600.000 persoas abandoaron o estado o pasado ano 2013. No caso concreto de Galiza, hai que salientar que un total de 12.854 galegos e galegas emigraron no primeiro semestre de 2013, 5.680 ao estranxeiro e 7.174 a outras zonas do estado.
Por tanto, conclúe, é unha mala noticia para as miles de persoas que na súa desesperación só lles queda a opción de emigrar, e engade que con esta decisión o Goberno volta a cargar contra o eslabón máis débil da cadea social, desempregados.
Ademais, recalca Rosana Pérez, tres meses no estranxeiro non é un período de tempo suficiente como para deixar sen tarxeta sanitaria a miles de cidadáns. Reprocha Rosana Pérez ao Goberno a súa ansia por aforrar a costa dos cidadáns e critica que se atente contra un dereito recoñecido. O Goberno empeñouse en atentar contra o dereito universal á sanidade pública. Primeiro acota o terreo aos inmigrantes, e agora fai o mesmo cos emigrantes.
As parlamentares do BNG piden ao Goberno que reflexione sobre esta medida e que anule esta decisión.