Rosana Pérez critica a lentitude de Fomento por non ter adoptado solucións para a A-8

A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, presentou unha iniciativa parlamentar na Cámara Baixa na que apremia ao Ministerio de Fomento a adoptar xa unha solución técnica para o tramo situado entre Mondoñedo e Abadín na A-8.

“O problema dos continuos peches da A-8 polas néboas no Alto do Fiouco persiste. Segue irresolto”, afirma Rosana Pérez que alude aos peches da autovía nesta zona que se levan producindo desde marzo, e sen ir máis lonxe, durante toda esta fin de semana. Critica que Fomento deixara pasar todo o outono e o inverno sen adoptar ningunha medida técnica a pesar de prometelo.

“Chegou a primavera e estamos outra vez igual”, sinala. “Fomento segue a mesma estratexia simplista, limitándose a cortar a circulación cando a zona está envolta en néboa. En todo este tempo non adoptou ningunha solución técnica e iso que o BNG levou a debate en setembro pasado unha proposición non de lei, demandando medidas de seguridade máis eficaces e avanzadas na A-8”.

O Ministerio deu voltas sen facer nada e agora estamos igual

Lembra que o BNG actuou con previsión, poñendo enriba da mesa este tema en canto comezou o curso político. “Aínda que actuamos con previsión, pensando que Fomento empregaría o outono e o inverno para solventar esta situación e ter novas medidas listas para a primavera deste ano, o partido no Goberno negouse a aceitar a nosa iniciativa parlamentar”.

Rosana Pérez considera que o Ministerio de Fomento “non abordou con seriedade e profesionalidade técnica este tema”. Afirma que “resulta preocupante que unha autovía nova sofra constantes cortes de tráfico. O tramo da A-8 entre Mondoñedo e Abadín foi inaugurado en febreiro de 2014 e poucos meses despois xa se comezou a pechar ao tráfico e a presentar problemas”.

A deputada do BNG destaca que en outubro do ano pasado o Ministerio anunciou un concurso de ideas de innovación e desenvolvemento para plantexar posíbeis solucións aos problemas que causa a néboa no tramo aludido. Un anuncio que Fomento reiterou no pasado mes de marzo pero do que non existe ningunha información”.

Razón pola que plantexa unha serie de preguntas ao Ministerio. “Que pasou co concurso de ideas de innovación e desenvolvemento anunciado por Fomento? En que estado está esta proposta? De verdade considera unha solución de futuro proceder a cortar a circulación nese tramo cada vez que hai néboa? Non é posíbel que o Ministerio se tome en serio este problema?”.